O BNG reclamará no Pleno a continuidade do servizo de transporte adaptado 065
Desde que o PP volveu á Xunta este Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal (065) comezou a sufrir un deterioro constante que ten a súa culminación na decisión da Xunta de deixar de prestar o servizo para o traslado diario ou semanal das persoas dependentes aos centros onde van ser atendidas nas súas terapias.
Betanzos, 20 de marzo de 2014. O BNG presentou unha moción para demandar o mantemento do servizo de transporte adaptado do 065. Os nacionalistas recordan que este servizo, instaurado polo BNG cando tivo responsabilidades de goberno na Xunta, constituíu o primeiro transporte adaptado público de todo o Estado español.
Varios veciños e veciñas nos teñen trasladado as súas queixas polas condicións en que a Xunta está a prestar o servizo, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Desde que o PP volveu á Xunta este Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal (065) comezou a sufrir un deterioro constante que ten a súa culminación na decisión da Xunta de deixar de prestar o servizo para o traslado diario ou semanal das persoas dependentes aos centros onde van ser atendidas nas súas terapias, explican.
O PP xustifica isto como unha presunta racionalización e eficacia, tradúcese simplemente no desmantelamento do servizo do 065 explican. Desta forma, non atenden o desprazamento regular de persoas dependentes nin para garantir a mobilidade das persoas con maiores dificultades. En cambio, non teñen reparo en crear para o Consorcio de Benestar un transporte propio para as persoas usuarias dos seus centros advirten.
Isto é outro paso na eliminación dos programas e servizos públicos de dependencia e benestar que sufrirán novamente as persoas máis débiles, neste caso as que teñen maiores dificultades para se trasladaren e poder recibir atención como consecuencia do seu estado denuncian.
A decisión do goberno do PP vai provocar unha perda importante de postos de traballo, engade Del Río. Por este motivo o BNG propoñerá ao Pleno que se demande á Xunta frear o desmantelamento do 065 e garantir o desprazamento dos dependentes.