“O NOSO PATRIMONIO É O HERDO DO NOSO PASADO E A NOSA OPORTUNIDADE DE FUTURO”
Celebramos unhas xornadas sobre Patrimonio e administracións locais no edificio Liceo en Betanzos
A benvida ás xornadas deuna o portavoz municipal e candidato á alcaldía, Henrique del Río, quen salientou a importancia do inmenso patrimonio que ten Betanzos que lonxe de ser un problema é unha oportunidade
Betanzos, 16 de marzo de 2019. O BNG celebrou esta mañá en Betanzos unhas xornadas sobre Patrimonio e administracións locais no edificio Liceo en Betanzos. A benvida ás xornadas deuna o portavoz municipal e candidato á alcaldía, Henrique del Río, quen salientou a importancia do inmenso patrimonio que ten Betanzos que lonxe de ser un problema é unha oportunidade. “O noso patrimonio é o herdo do noso pasado e a nosa oportunidade de futuro”, explicou Del Río, “o noso patrimonio é a locomotora que ten que tirar polo desenvolvemento de Betanzos e é fundamental poñelo en valor e coidalo, temos que facer unha aposta estratéxica por sermos singulares e únicas e xerar riqueza desde o que temos, o noso patrimonio”
Nas xornadas interveu Luís Bará, actual deputado nacionalista no Parlamento galego e concelleiro en Pontevedra, sobre o modelo urbano de Pontevedra e o que desde os concellos se pode facer para ter cidades máis humanas e ao servizo da veciñanza. “A auténtica clave para transformar unha cidade como Betanzos é solucionar a mobilidade poñendo no centro as persoas”, indicou Bará, “a grande clave é intervir nos espazos públicos, na mobilidade e nos servizos, ademais tira da rehabilitación dun Casco Histórico, porque é o que ten a ver coa vida das persoas”, engadiu.
Participou tamén o concelleiro de cultura en Carballo e Deputación provincial Xosé Regueira. “Hai convencer á sociedade que convive co patrimonio que non ten un problema senón unha grande oportunidade”, relatou Regueira, “se un goberno local di que está comprometido co patrimonio verase a implicación destinando plans como o POS+ a recuperalo e poñelo en valor, se non son palabras”, engadiu.” A cidade ten que ser a prolongación da propia vivenda e ten que ser humana e habitábel para que as persoas poidamos estar cómodas nela”, indicou
Participación de entidades asociativas
Nas xornadas participaron tamén Juan Manuel Gómez, da asociación de amigos do Casco Histórico de Betanzos, Daniel Lucas, da asociación de amigos do Pasatempo e Carolina Casal Chico, do Sorriso de Daniel que insistiron no traballo de concienciación e demanda social importantísimo que fan as asociacións en defensa do Patrimonio e na necesidade de tecer redes e debater para ser máis fortes e conseguir avanzar.
Roteiro polo Casco Histórico
Para rematar o historiador Xesús Torres conduciu un roteiro guiado polo casco vello betanceiro e o estado deste importantísimo patrimonio que saíu da praza do Campo pola rúa do Castro até a praza do Concello e a continuación polas igrexas de Santa María e San Francisco e a Rúa da Cerca para volver pola rúa Fonte de Unta á praza do Concello.