O BNG de Betanzos reclama limpeza e investimento no Mercado Municipal
O BNG alarma sobre a falta de limpeza nas instalacións municipais e sobre o abandono en que se atopa o mercado de abastos.
Amelia Sánchez aposta por un investimento que devolva o Mercado ao seu posto como dinamizador do Casco Histórico betanceiro.
Betanzos, 08 de decembro de 2020. A voceira do BNG de Betanzos, Amelia Sánchez, trasladou á sesión plenaria do mes de novembro as inquedanzas das praceiras do mercado de abastos: “as vendedoras do mercado municipal betanceiro teñen alertado a respecto do lamentábel estado en que se encontra o edificio do Mercado Municipal betanceiro.
A limpeza, que nestes momentos debería ser exhaustiva, non se realiza seguindo estes criterios (non se usan os produtos recomendados nestes momentos, non se limpan os baños a non ser que se solicite expresamente e as zonas comúns amosan un estado lamentábel)”.
Por outro lado, Sánchez Alertou sobre a falta de control de pragas na rede de sumidoiros, que non se limpan en condicións desde hai meses, e denunciou o estado do cuarto que se sitúa debaixo das escaleiras, en que se observan síntomas de aluminose e que está cheo de lixo, no canto de ser usado como almacén común.
O BNG reclamou que se realicen limpezas a fondo de maneira diaria e se solucionen os problemas no cuarto que se sitúa no oco das escaleiras. Na mesma liña, apostou por unha inversión que revitalice o mercado e que o converta no dinamizador do casco histórico betanceiro que sempre debeu ser.