O BNG propón un obradoiro de emprego para dinamizar o mercado da Pescadería
Ademais de medidas deste tipo, sería importante que o goberno local dinamizase o mercado municipal e o pequeno comercio local como alternativa fronte ás grandes superficies comerciais.
Betanzos, 21 de decembro de 2012. O BNG reclamará no Pleno que o Concello ofreza un obradoiro de emprego destinado a ocupar os postos baleiros do mercado municipal. Segundo explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, o curso estaría orientado ás persoas desempregadas que puideran estar interesadas en adquirir a formación precisa para ocupar un posto no mercado municipal.
Entre os contidos deste obradoiro poderían figurar contidos como o plan de empresa, a xestión de pemes, o plan de negocio individualizado, técnicas de venda, a comunicación efectiva, a atención telefónica, a etiquetaxe de produtos, os permisos administrativos, a innovación nos puntos de venda e unha formación personalizada para o sector concreto de actividade a desenvolver explican os edís do BNG na súa moción.
A idea do BNG é que unha vez rematada esta etapa de formación, o alumnado podería ocupar un posto dos existentes no mercado por un tempo taxado e en condicións vantaxosas, a fin de contrastar a viabilidade do negocio. Para isto, os nacionalistas mesmo suxiren que o Concello tamén podería estudar ampliar o abano de productos que se poden ofrecer no mercado analizando as reformas que sería preciso acometer no mesmo para cinguirse á normativa vixente.
Por este motivo o BNG propón que o goberno local regule a cesión, en condicións máis vantaxosas, dos postos baleiros do mercado municipal para o alumnado dese obradoiro. Ademais de medidas deste tipo, sería importante que o goberno local dinamizase o mercado municipal e o pequeno comercio local como alternativa fronte ás grandes superficies comerciais, indicou.
O noso concello continúa a encabezar a destrución de emprego na comarca e suma xa 1214 veciños e veciñas en situación de desemprego explicou Del Río. Diante da pasividade do goberno local do PSOE, que non fai propostas para crear emprego, pensamos que con propostas deste tipo danse pequenos pasos na creación de emprego e ademais contribuiría a dinamizar o Casco Histórico.
O BNG non asiste aos pinchos de Nadal do Concello
Dado que o goberno municipal do PSOE nin sequera respondeu á solicitude do BNG de que os pinchos de Nadal do Concello non fosen pagados con cartos de todos os betanceiros e betanceiras, os edís nacionalistas optaron por non acudir. Decidimos estar ao lado da veciñanza, nun acto que convoca a asociación da Ponte Vella para falar da situación da antena de telefonía de Viraventos en lugar de estar gastando os cartos do pobo en pinchos para uns poucos.