O BNG leva a Pleno o malestar de clientes e praceiros pola falta de limpeza da Pescadería
Os nacionalistas propoñen reforzar a oferta da propia praza de abastos con mercados de produtos de tempada da comarca, agricultura ecolóxica ou produtos de segunda man.
Betanzos, 1 de agosto de 2014. O BNG levou ao Pleno o malestar das persoas que fan a súa compra na praza municipal de abastos e tamén das encargadas dos postos. Ambos os dous colectivos fixeron chegar aos nacionalistas o seu malestar pola falta de limpeza do recinto.
Segundo o voceiro nacionalista, Henrique del Río, as queixas diríxense á limpeza das fiestras, con abondosas arañeiras. Praceiros e clientes tamén se terían queixado pola presenza de moscas e a ausencia de algún dispositivo para espantar ou matar as moscas e evitar que contaminen os alimentos alí expostos.
Os nacionalistas reclamaron ao executivo local que aclare por que motivo está a Pescadería nesta situación e úrxeno a poñer solución no prazo máis breve posíbel. Non ten sentido gastar cartos públicos en campañas de publicidade da Pescadería se logo as condicións en que o Concello ten o inmoble fan que perda atractivo sobre outro tipo de establecementos co mesmo produto, explica Del Río.
Reforzar a oferta e dinamizar o Casco Histórico cun mercado de tempada
Os nacionalistas propoñen, ademais, reforzar a oferta da propia praza de abastos cun mercado de produtos de tempada da comarca na praza de Fernán Pérez de Andrade nas fins de semana. Con esta proposta cúmprese un triple obxectivo: reforzar o papel da Pescadería, ampliar a súa oferta e dinamizar o Casco Histórico nas fins de semana, explica Del Río.
A proposta, explican desde o BNG, é ampliábel a outro tipo de mercados, como productos de segunda man ou de agricultura ecolóxica, por exemplo. Cunha periodicidade fixa, poderíase converter a Pescadería e a praza de Fernán Pérez de Andrade nun punto de referencia para toda a comarca, engade o edil nacionalista.
"Trátase de poñer directamente en contacto ao produtor e ao consumidor final, eliminando intermediarios de forma que se garante que o produtor recibe un prezo xusto polos seus artigos, abunda. E así o consumidor sabe como e onde se producen os alimentos que consume conclúe Del Río.