O BNG leva á Pescadería a súa postura contraria ao prezo abusivo da inspección das básculas
A Xunta de Galiza permítelle a unha empresa privada cobrar 80 euros por revisión das básculas, verificación metrolóxica pola que as praceiras non pagaban.
Betanzos, 20 de xuño de 2012. Os concelleiros do BNG, Henrique del Río e María Otero, visitaron esta mañá o mercado municipal de abastos para repartirlles aos concesionarios dos postos de venda a iniciativa presentada polos nacionalistas no Parlamento de Galiza contra a estafa da ITV das básculas. O reparto foi moi ben acollida polos titulares das peixarías e carnicerías ubicadas no edificio da Pescadería.
No transcurso do reparto, o voceiro nacionalista, Henrique del Río, explicou que a finais de 2011, a Consellaría de Economía e Industria designou a empresa LGAI Technological Center como organismo autorizado para realizar a inspección dos aparellos de pesaxe das prazas de abastos, compañía que lles comunicou ás praceiras da Coruña a realización de revisións das básculas. "E fíxoo coa advertencia do posíbel precinto da pesa e de sancións que van de 3.000 a 12.000 euros no caso de incumprimento ou por negarse a facer a proba", expuxo.
Os edís do BNG criticaron que a empresa "cobrará 50 euros máis IVE ( 59 euros), pola revisión de cada unha das básculas que as praceiras teñan nos seus postos, 59 euros máis 20 euros máis que lles cobran por un libro; é dicir, case 80 euros". "Así, cada dous anos, cada comerciante tería que pagar unha cantidade superior á que se paga pola ITV dos coches", sinalou. Tamén alertou da irregularidade que supón que este prezo non figure na resolución do DOG do 7 de novembro de 2011 pola que se designaba a LGAI Technological Center como empresa que inspeccionaría estes aparellos.
Até o de agora as comerciantes non pagaban por estas medicións e sufragaban elas mesmas o mantemento dos instrumentos de pesaxe. "Por iso esta nova taxa vai estrangular aínda máis ao comercio", subliñou. O BNG cuestiona que o PP desde a Xunta de Galiza permita unha empresa privada cobrar 80 euros por revisión das básculas, verificación metrolóxica pola que as praceiras non pagaban.
"A subvención de parte da ITV beneficia só as empresas amigas do PP"
"Non ten sentido que a Xunta de Galiza aprobe unha concesión a unha empresa para revisar as básculas, que lle autorice a cobrar unhas taxas que representan un atraco e que despois sexa a Xunta de Galiza a que subvencione parte dese prezo abusivo cos cartos de todos os galegos e galegas", expuxo. Segundo o BNG, esta subvención "só beneficia as empresas amigas do PP" e advirte de que o propio funcionariado da Xunta de Galiza podería realizar as inspeccións.
O BNG pídelle á Xunta que clarifique de onde sae o "atraco" da ITV Neste contexto, o BNG realizará unha serie de preguntas para a resposta oral en sede parlamentar nas que insta a Xunta a clarificar quen autorizou este atraco de 50 euros máis IVE pola verificación, cada dous anos, das básculas ou para interesarse se ten previsto o Goberno galego revisar esta decisión.