O BNG-Asembleas Abertas propón melloras na Pescadería
Mudar o tabique separador por paneis de vidro permitiría unha visión de toda a oferta e dar maior iluminación. Tamén propoñen mercados de tempada na praza contigua.
Betanzos, 3 de febreiro de 2016. O BNG-Asembleas Abertas propuxo no Pleno melloras no mercado municipal. As nacionalistas trasladaron ao Pleno o parecer de persoas que acuden ao mercado municipal, que indican que a actual separación entre os postos de peixe e carne invisibiliza estes últimos. A divisoria, actualmente unha parede de obra opaca, ademais, escurece innecesariamente o corredor, explicou o voceiro nacionalista Henrique del Río.
A proposta que as propias usuarias da Pescadería fan, e que as nacionalistas levaron ao Pleno, é substituír o actual tabique por paneis de cristal que permitan unha visión ampla de toda a oferta da praza de abastos e dean maior iluminación ao corredor das carnicerías. Compartimos con elas que sería unha solución de fácil execución e cun escaso custo, engadiu Del Río.
As nacionalistas xa trasladaron noutras ocasións propostas de mellora para o mercado municipal como reforzar a oferta da propia praza de abastos cun mercado de produtos de tempada da comarca na praza de Fernán Pérez de Andrade nas fins de semana. Tamén propuxeron devolver os postos de chacinaría da feira a esta praza, xa que complementan a oferta da Pescadería.