Por un mercado MUNICIPAL ao servizo da veciñanza e dos produtores locais

Defendemos un mercado que dea un beneficio á veciñanza, que sexa unha oportunidade para produtores e pequenos negocios e que se xestione directamente desde o Concello para garantir o seu carácter de servizo público

Por un mercado MUNICIPAL ao servizo da veciñanza e dos produtores locais

No BNG levamos lustros demandando a mellora do mercado municipal en accesibilidade, equipamentos e dinamización. Fixemos investimentos cando diriximos a Concellaría de Comercio hai 20 anos e propuxemos completar a súa oferta con mercados de produtos de tempada na praza contigua, para reforzar a súa función comercial.

Nestes anos trasladamos aos plenos as queixas das persoas que tiveron postos no mercado municipal pola súa falta de mantemento e a necesidade de melloras, tanto no propio edificio como na dinamización da súa actividade (sinalización, información ás usuarias cun espazo web, coordinación para o reparto a domicilio dos seus produtos…). 

Por isto, cando en 2022 o goberno local anunciou un proxecto para a posta en valor do mercado con cargo a fondos europeos, no BNG estivemos a favor. Pensamos que é un investimento necesario, longamente demandado e que debe contribuír á dinamización comercial do Casco Histórico. 

Mais no BNG defendemos que o mercado municipal debe enfocarse prioritariamente a dar un servizo á veciñanza e aos produtores de Betanzos e da nosa comarca, como escaparate e oportunidade para os nosos produtos, que moi dificilmente teñen acceso á venta en grandes áreas comerciais. 

Esta é a visión levamos décadas defendendo e pensamos que é o enfoque que un servizo municipal, construído e rehabilitado con fondos públicos, debe ter, sen excluír, obviamente, o turismo como fonte de ingresos complementaria. Nunca ao revés, os servizos que se lle prestan á nosa veciñanza non deben estar condicionados a un exclusivo beneficio turístico. 

Como consecuencia do enfoque turístico que o goberno local do PSOE lle deu, a súa proposta para a xestión do espazo consiste nunha concesión a unha empresa privada, agás os catro postos que xa estaban traballando no mercado e que se van ver claramente excluídos con este modelo. 

Cremos que non é de recibo propor a xestión privada dun edificio onde se veñen de investir preto de 2 millóns de euros de fondos públicos porque, como todas sabemos, as empresas privadas buscan un beneficio económico, completamente lícito, pero que non é función do Concello garantirllo con cartos de todas. 

Defendemos un mercado que dea un beneficio á veciñanza, que sexa unha oportunidade para produtores e pequenos negocios e que se xestione directamente desde o Concello para garantir o seu carácter de servizo público.

Por un mercado MUNICIPAL ao servizo da veciñanza e dos produtores locais