O BNG acusa ao PP de discriminar á veciñanza de Betanzos e As Mariñas por negarse a abrir un centro de día público no antigo ambulatorio
"O goberno galego é quen ten a competencia das políticas sociais en Galiza. Non pode delegar a responsabilidade de construír un centro de día a un concello, que por Lei ten vetado facelo, ou obrigar á veciñanza a acudir a un centro de día privado"
Betanzos, 16 de novembro de 2021.- O BNG acusou ao PP de desatender á veciñanza de Betanzos e As Mariñas por non atender as demandas dun centro de día público no edificio do antigo ambulatorio. "O goberno galego é quen ten a competencia das políticas sociais en Galiza. Non pode delegar a responsabilidade de construír un centro de día a un concello, que por Lei ten vetado facelo, ou obrigar á veciñanza a acudir a un centro de día privado", advertiu a deputada do BNG Mercedes Queixas tras a resposta da Xunta a unha iniciativa parlamentar do BNG. "A Xunta ten a obriga de dotar de servizos as cabeceiras comarcais como Betanzos e non pode seguir evitando o seu compromiso coa veciñanza de Betanzos e a súa comarca”, engadiu.
A deputada nacionalista recordou que o BNG durante o goberno bipartito lograra a cesión do antigo ambulatorio de Betanzos para emprazar un centro de día con prazas de residencia xeriátrica e que o PP, tanto desde o goberno local como desde a Xunta, paralizaron o proxecto e devolveron o edificio ao goberno español. "Precisamente se hai un centro de día privado en Betanzos é porque hai necesidade deste tipo de equipamento asistencial", abundou a parlamentar do BNG, “só que neste momento só o pode usar a veciñanza que pode pagar este servizo”, engadiu.
"O PP non quería un centro de día público en Betanzos e utilizou todo tipo de escusas para evitalo e esta resposta é unha máis neste serial de escusas que dura década e media xa", recorda a deputada do BNG. "Tal vez se o goberno local do PSOE tivese unha postura clara sobre o centro de día do antigo ambulatorio a resposta da Xunta sería outra", apunta.
Desde o BNG recordan que o PSOE asumiu o proxecto nacionalista de abrir un centro de día no antigo ambulatorio, mais en paralelo pediu a cesión para usalo de local social, logo abriuse mesmo a pagar por un edificio que xa foi sufragado polas betanceiras e finalmente proxectou o centro de día na zona inundábel do Frade dentro do novo PXOM. "Os bandazos do PSOE déronlle azos ao PP para discriminar deste xeito ás betanceiras", apuntan desde o BNG.
As nacionalistas insisten en que o antigo ambulatorio é un edificio adaptado e plenamente accesíbel, que actualmente está a caer excepto nunha mínima parte que usa de oficinas a Seguridade Social. "Que o centro Pai Menni o usara hai anos mentres reformaba as súas instalacións bota por terra calquera escusa técnica sobre a súa falta de idoneidade como defendeu o PP nalgún momento", apuntan desde o BNG betanceiro. "É un edificio con aparcamento ao carón, céntrico, con prazas e xardíns ao redor, público e adaptado, o investimento sería mínimo e as oficinas da Seguridade Social poderían trasladarse ao Casco Histórico para contribuír a revitalizalo" abundan.
"Só falta vontade política e fica claro con esta resposta que o PP non quere construír baixo ningún concepto un centro de día público en Betanzos", engaden. “A insensibilidade do PP e o PSOE estámola sufrindo a veciñanza, os dous miran para outro lado mentres nos negan un dereito esencial como é o dereito a unha vellez digna”, concluíu a deputada nacionalista.