O BNG traslada de novo ao Pleno municipal o problema de verquidos á Ría desde a depuradora municipal

verquido
Imaxe do verquido da depuradora

“Presentamos unha moción para pedir ao goberno local que poña fin aos problemas de vertidos directos aos ríos Mendo e Mandeo, así como á ría de Betanzos”

Desde o BNG lembraron que levan anos pedindo nas súas emendas aos orzamentos da Xunta e do Estado partidas para rematar o saneamento na Ría de Betanzos e para unha rexeneración ecolóxica da mesma

O BNG traslada de novo ao Pleno municipal o problema de verquidos á Ría desde a depuradora municipal

Betanzos, 25 de xaneiro de 2021. O BNG traslada de novo ao Pleno municipal o problema de verquidos á Ría desde a depuradora municipal. “Presentamos unha moción para pedir ao goberno local que poña fin aos problemas de vertidos directos aos ríos Mendo e Mandeo, así como á ría de Betanzos”, explicou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez.

“Nas últimas semanas chegáronnos de novo queixas da veciñanza sobre verquidos á Ría desde a depuradora municipal. As fugas da rede de saneamento municipal ao Mendo e ao Mandeo, as carencias no funcionamento da EDAR do porto, o deficiente funcionamento das decantadoras situadas na bacía do Mero, son problemas que afectan directamente á calidade de vida da nosa veciñanza, pois convén lembrar que eses ríos cunha importante carga de augas sen depurar pasan polo medio da nosa cidade e do noso concello, con todo o que iso leva consigo”, denunciou a portavoz nacionalista. 

Desde o BNG tamén pedirán ao goberno local que realice un mapa das saídas pluviais aos ríos que atravesan o concello de Betanzos, “para que a veciñanza poida coñecer, distinguir e identificar os aportes de auga aos caudais dos ríos e poida colaborar na localización, denuncia e eliminación de vertidos contaminantes”, engadiu Amelia Sánchez. 

Emendas aos orzamentos da Xunta e do Estado

Desde o BNG lembraron que levan anos pedindo nas súas emendas aos orzamentos da Xunta e do Estado partidas para rematar o saneamento na Ría de Betanzos e para unha rexeneración ecolóxica da mesma. “No orzamento da Xunta para o vindeiro ano inclúen unha partida para saneamento en Betanzos e outra en Paderne claramente insuficientes para solucionar o problema de vertidos e por iso no BNG presentamos de novo unha emenda solicitando que se reserve o crédito necesario para poñerlle dunha vez solución a esta situación”, explicou Sánchez. 

“Tamén nas nosas emendas presentadas aos orzamentos do Estado pedimos unha partida para a rexeneración ecolóxica da Ría de Betanzos que o goberno do Estado, PSOE e Podemos, se negou a recoller no orzamento”, concluíu.

O BNG traslada de novo ao Pleno municipal o problema de verquidos á Ría desde a depuradora municipal