O BNG traslada ao Pleno a perda de servizos na administración de facenda en Betanzos
En Betanzos xa non hai unidade de módulos nin de recadación, obrigándose á veciñanza desta comarca a desprazárense á delegación de facenda na Coruña
Nos últimos 20 anos, son 9 persoas menos as que prestan servizos na administración da AEAT de Betanzos, un alarmante 50%, co que isto supón no recorte de servizos
Betanzos, 25 de abril de 2022.- O BNG traslada ao Pleno a perda de servizos na administración de facenda en Betanzos. “Desde o ano 2017 viu reducido o seu cadro de persoal nun 10%, pasando de 10 empregadas públicas a 9. De comparar co 2000, resulta que nos últimos 20 anos, son 9 persoas menos as que prestan servizos na Administración da AEAT de Betanzos, un alarmante 50%”, explicou a portavoz do BNG Amelia Sánchez.
“A maiores, súmase a ausencia de persoal funcionario, pola negativa a cubrir realmente estes postos de traballo, que redunda tamén na perda de atención real ao público e contribúe a privar de servizos esenciais como os tributarios a comarcas enteiras. Esta dinámica podería agravarse aínda máis, dada a idade media do persoal ao servizo da AEAT no noso país caso de non cubrirse estas prazas”, engadiu.
“Todo isto ven redundar, máis unha vez, no baleirado das vilas cabeceiras de comarca como Betanzos e dos concellos da nosa comarca ao restarlle cada vez máis servizos desde as Administracións Públicas”, indicou a portavoz nacionalista. “ Por exemplo, en Betanzos xa non hai unidade de módulos nin de recadación, obrigándose á veciñanza desta comarca a desprazárense á delegación de facenda na Coruña”.
“A concentración dos servizos tributarios en determinadas cidades supón un prexuízo para as persoas que precisan de asistencia para as súas xestións. Por un lado, obriga a realizar desprazamentos cara ás capitais provinciais a persoas que podían ter atención na súa cabeceira comarcal. Atendendo á realidade do transporte público no noso país, isto supón unha dificultade adicional”, engadiu a portavoz do BNG.
Por todo isto, o BNG pedirá ao Pleno de Betanzos que esixa ao goberno do Estado a recuperar, como mínimo, os índices de traballadores e traballadoras existentes no ano 2000 garantindo, en igualdade de condicións ao longo do territorio galego, a atención presencial ao público para o asesoramento e servizos que presta.
Desde o grupo nacionalista piden tamén que se adopten de forma urxente as actuacións necesarias para evitar a perda de emprego público e a deterioración dos servizos por mor do desmantelamento encuberto dos centros administrativos da AEAT en Galiza.