O BNG trasladou a Pleno a situación da concesionaria da piscina municipal
“A situación da empresa concesionaria está creando preocupación entre as persoas usuarias da piscina municipal sobre a continuidade do servizo e as traballadoras e traballadores da empresa que ven como están en perigo os seus salarios”
“A proposta do BNG segue sendo a xestión directa do servizo. É a mellor maneira de garantir a calidade do servizo e a estabilidade e condicións laborais das traballadoras e traballadores”
Betanzos, 3 de maio de 2022.- O BNG trasladou a Pleno a situación da concesionaria da piscina municipal. “Nas últimas semanas tivemos coñecemento de que a empresa adxudicataria da piscina estaba a atravesar problemas económicos serios. Segundo a información que nos facían chegar, Itude estaría a piques de entrar en concurso de acredores e, máis unha vez, o cadro de persoal vería perigar o cobre dos seus emolumentos”, explicou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez.
“A situación da empresa concesionaria está creando preocupación entre as persoas usuarias da piscina municipal sobre a continuidade do servizo e as traballadoras e traballadores da empresa que ven como están en perigo os seus salarios”, engadiu a voceira nacionalista.
Desde o BNG pediron información ao goberno local sobre a situación económica da empresa concesionaria, Itude, e lembraron que a empresa cobrou máis de 100.000 euros do Concello como compensación polo peche e outras medidas que derivaron da pandemia da Covid 19. “Toda a información que temos até o momento é a través dos medios de comunicación por iso solicitamos ao goberno local que informe aos grupos políticos e á veciñanza da situación real da empresa concesionaria”, indicou Sánchez.
O BNG segue a defender a xestion directa
“A proposta do BNG segue sendo estudar a posibilidade da xestión directa do servizo, como xa trasladamos varias veces no Pleno. Pensamos que é a mellor maneira de garantir a calidade do servizo máis tamén a estabilidade e as condicións laborais das traballadoras e traballadores”, concluíu.