O BNG pide melloras na zona de Infesta e O Farragoto
O BNG solicitou a mellora do camiño do rueiro do Petón, no núcleo rural de Infesta, logo de que a veciñanza manifestase o fondo malestar polo seu estado
O BNG lembra que hai unhas semanas tamén pediu que se solucionase o problema dos verquidos sen control nesa mesma zona
Betanzos, 14 de marzo de 2022.- Na pasada sesión plenaria, o BNG solicitou a mellora do camiño do rueiro do Petón, no núcleo rural de Infesta, logo de que a veciñanza manifestase o fondo malestar polo seu estado. Segundo a voceira nacionalista, Amelia Sánchez, “trátase dun camiño que dá servizo a varias casas e onde a veciñanza leva meses, mesmo anos, expresando as súas queixas”.
Hai unhas semanas, os operarios dunha empresa privada levaron a cabo un pequeno amaño. Tras esta intervención, o malestar veciñal acrecentouse, ao considerar que se deixara en peor estado o camiño. O BNG exixe que se solucione a cuestión canto antes. “O feito de seren poucas as veciñas afectadas, non resta valor ás súas exixencias”, engadiu Sánchez.
O BNG lembra que hai unhas semanas tamén pediu que se solucionase o problema dos verquidos sen control nesa mesma zona. “Desde hai anos, a entrada do Farragoto converteuse nun vertedoiro ilegal fronte á pasividade do goberno municipal”, afirmou a voceira nacionalista, que pediu que se rematase con este problema de saúde pública canto antes.