O BNG traslada o malestar das usuarias da piscina polas deficiencias nas instalacións

Betanzos, 15 de febreiro de 2025. O BNG volveu trasladar ao Pleno o malestar das persoas usuarias do complexo deportivo municipal do Carregal a causa do deficiente estado de conservación das instalacións.
Segundo explicou na sesión plenaria a concelleira Vanessa Rey, “na piscina, a concesionaria obriga aos meniños de 8 anos a accederen sós ás instalacións para acudiren aos cursos”. Isto supón un problema debido ao “deterioro dos pulsadores das duchas -moitos deles duros de máis para eles, algúns sen auga e outros cunha pingueira por todo caudal que impide que se duchen sós axeitadamente-, a altura dos colgadores, enchufes ou taquillas fan que non poidan utilizalos sós”.
Por outra banda, “o deterioro da rede eléctrica fai que salte o limitador ao utilizar algúns dos enchufes para o secado do pelo” advertiu. “E as taquillas, as máis delas co pecho rebentado, ao punto de que a concesionaria anuncia mediante a app a inminente venda de candados nas máquinas de vending instaladas no corredor para poder utilizalas con seguridade ou convidando aos usuarios a traer o seu candado da casa” engadiu a concelleira do BNG.
A nacionalista solicitou ao goberno local que corrixa ou faga corrixir todas as deficiencias posto que “este estado de deterioro fai impracticábeis moitos destes elementos”. “En base a que normativa municipal se prohibe o acompañamento de menores de 8 anos para asistir aos cursos da piscina?” inquiriu.
O malestar pola supresión do bádminton, outra vez ao pleno
As queixas das persoas usuarias chegan ao pavillón, onde “ademais das máquinas fóra de servizo do ximnasio denunciáronnos que as persoas que practicaban bádminton no pavillón foron expulsadas para cederlles o espazo usado a dous clubs”.
A concelleira nacionalista Vanessa Rey recordou que esta cuestión xa fora trasladada polo BNG a pleno hai uns meses, posto que supón a expulsión “dun deporte minoritario da oferta pública” e instou ao goberno do PSOE a reconsiderar a decisión de deixar fóra este deporte das instalacións municipais. “Canta máis variedade haxa na oferta de actividades deportivas, máis opcións de lecer saudábel terá a veciñanza” conclúe.
As nacionalistas lembran, ademais, que a concesión do complexo está a piques de expirar e recordan, tamén, que o pacto de investidura recollía a redacción e presentación dun estudo sobre a posibilidade de xestión directa do complexo deportivo. “A pesar das múltiples veces que insistimos na urxencia deste estudo, polo momento segue sen rematarse. É urxente que o goberno local do PSOE presente as persoas usuarias e traballadoras do complexo un plan sobre a futura xestión desta instalación e para as melloras necesarias nesta infraestrutura”, conclúen desde o BNG.