O BNG presenta unha proposición no Congreso con medidas para mellorar o tren en Betanzos
A deputada do BNG Rosana Pérez reprocha ao Goberno a exclusión de Ferrol tanto do Eixo como do tren convencional. Nen haberá alta velocidade nen modernización do tren convencional.
Madrid, 27 de xaneiro 2014. A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha proposición non de lei na Cámara que demanda a Fomento a adopción dunha serie de actuacións para modernizar o ferrocarril entre Ferrol, Betanzos e A Coruña.
En aras a acurtar os tempos de viaxe e mellorar a calidade do servizo ferroviario, Rosana Pérez insta ao Ministerio a construir un by pass en Betanzos Infesta, reparar todos os desprendementos e outras deficiencias que limitan a velocidade a 30 quilómetros por hora. Pide asemade que se rehabiliten todas as pontes que existen no traxecto, comezando en primeiro termo polo de Neda.
A deputada do BNG empraza a Fomento a elaborar un proxecto de modernización do itinerario a executar nun prazo de cinco anos que contemple doble vía, electrificación, eliminación de curvas e algunhas variantes necesarias.
Nun terceiro punto, pide que se adecúe a oferta á demanda potencial de usuarios do itinerario para o que é imprescindíbel ofertar servizos con tempos de viaxe máis curtos e máis frecuencias. Traduciríase a petición do BNG na necesidade de implantar servizos de cercanías na área metropolitana de A Coruña-Betanzos-Ferrol.
Ferrol precisa investimentos no tren canto antes
A deputada do BNG reprocha aos distintos Gobernos centrais que estivesen mareando durante máis de dez anos para agora recoñecer que non se executará o tramo Ferrol-Betanzos-A Coruña do Eixo Atlántico. Algo que admitiu nunha resposta por escrito a esta deputada, na que tamén recoñeceu que os desprendementos producidos na liña obrigan a circular a 30 km por hora.
Ademáis doutros problema como a necesidade de reparar pontes, como a de Neda, ou suprimir pasos a nivel. É evidente o estado obsoleto desta infraestructura que a fai inservíbel para unha comunicación ferroviaria competitiva e segura. De non modernizarse o resultado será a eliminación dos servizos de viaxeiros. Neste sentido, Rosana Pérez pón de manifesto que a día de hoxe só hai catro servizos a Coruña, cuxos horarios son: 7.15h, 14.10, 17.18 e 19.15, dous deles en función dos destinos Madrid e Barcelona. E na fin de semana fican reducidos a dous servizos. Á inversa, explica a deputada do BNG, só hai tres servizos durante a semana. A duración da viaxe está nunha hora e 15 minutos ou algo máis para un traxecto de 66 km.
A deputada do BNG reprocha ao Goberno que Ferrol fique abandoado de todo plan ferroviario, tanto o da alta velocidade como o da necesaria modernización do tren convencional. Trátase dunha pequena inversión que permitiría mellorar os tempos de viaxe y a calidade do servizo. Os nacionalistas indican que o abandono de Ferrol de todo plan ferroviario repercute en toda a súa comarca e tamén na comarca betanceira.