O BNG non participará no “funeral” do tren

Os edís do BNG no rexistro municipal
O BNG non participará no “funeral” do tren

“Non imos avalar coa nosa presenza a política de recortes e a diminución de dereitos sociais, nin rirlle á ministra a ocorrencia de deixar Betanzos sen tren”.

Betanzos, 3 de maio de 2013. O grupo municipal do BNG devolveu esta mañá o convite para formar parte da comitiva que acompañará á ministra de Fomento no descubrimento dunha placa na estación do tren Betanzos-Cidade. Henrique del Río e María Otero declinaron participar nos fastos do centenario da vía férrea Betanzos-Ferrol, que Fomento prevé deixar practicamente sen uso.

“Nunca sentín que un funeral fose motivo de celebración”, ironizou o portavoz municipal do BNG. Os nacionalistas cuestionan que o goberno central, en mans do PP, pretenda, por medio do denominado Plan de Racionalización do Transporte Ferroviario, suprimir “24 trens por semana na liña A Coruña- Betanzos- Ferrol e 14 por semana na liña A Coruña-Lugo-Monforte, que fai parada en Betanzos-Infesta”. “En total, o PP desmantela 38 convois que pasan e fan parada na nosa cidade” criticou a concelleira nacionalista María Otero.

O PP quere suprimir tres cuartas partes dos trens que pasan e paran en Betanzos

“Non están os tempos para retratarse cos ministros do PP nin con Feijóo”, explica o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río. “Non imos avalar coa nosa presenza a política de recortes e a diminución de dereitos sociais, nin rirlle á ministra a ocorrencia de deixar Betanzos sen tren”, indican.

http://youtu.be/ntqp_mu0eXQ

Os edís do BNG aseguran que “non nos parece acaído que o Concello de Betanzos colabore nuns actos que supoñen un dispendio de cartos públicos e que poderían empregarse en mellorar o servizo de transporte por ferrocarril en lugar de desmantelalo”. “As intencións do PP, como non se preocuparon sequera en disimular no Pleno cando reclamamos unha rede de cercanías, son desmantelar o tren na comarca” asegura o voceiro do BNG, Henrique del Río, “e estes fastos non deixan de ser o funeral do tren”. “Non estamos de acordo con isto, polo que decidimos non ir”, insisten.

“O que non pode ser é que se desmantele un tren que gaña viaxeiros mes tras mes en nome da austeridade e que os cartos que tiñan que financiar o servizo acaben pagando festiñas”, aseguran desde o BNG. Os nacionalistas insisten na necesidade dunha liña de cercanías na área metropolitana. “O futuro do transporte metropolitano pasa si ou si polo tren de proximidades”, insiste a edila María Otero.

Por este motivo, de xeito irónico, xunto ao convite a participar da comitiva da ministra, o BNG doou ao Concello a maqueta dunha locomotora de época para que “se expoña no lugar en que o goberno local determine para amosar ás xeracións futuras o medio de transporte que tivo Betanzos e que foi desmantelado en aras da ‘austeridade’”.

O BNG non participará no “funeral” do tren