"Tren: Cercanías ou réquiem?", un artigo sobre o desmantelamento do tren
"Mentres as preocupacións da xente se centran no desmantelamento do tren de Betanzos, o PP vive fóra da realidade e pretende facer ver que o único problema do tren é que non hai festexos para conmemorar o seu centenario".
Betanzos, 10 de abril de 2013. O xornal "Betanzos e a súa comarca" recolle nas súas páxinas un artigo do voceiro do BNG, Henrique del Río, sobre a intención do goberno español do PP de desmantelar as vías do tren ao seu paso pola nosa comarca. Polo seu interese reproducímolo a seguir de xeito íntegro.
Tren: Cercanías ou réquiem?
O goberno do PP, o goberno de Rajoy, acaba de facer pública a súa intención de suprimir liñas de tren, baixo coa excusa do aforro. O PP pretende suprimir 24 trens por semana na liña A Coruña- Betanzos- Ferrol e 14 por semana na liña A Coruña-Lugo-Monforte, que fai parada en Betanzos-Infesta. En total, en Galiza suprimiríase unha cuarta parte das viaxes semanais con trens de media distancia.
O BNG reclamou no Pleno que se paralice o proceso de desmantelamento da liña de tren A Coruña-Betanzos-Ferrol e que a Xunta negocie co goberno central a cesión destas liñas para crear un servizo de cercanías.
É máis que discutíbel o criterio de eficiencia económica que o goberno central do PP utiliza para xustificar este desmantelamento do tren. Ofértanse servizos anticuados. As frecuencias son escasas. Os tempos de viaxe espantan á xente. Por riba, o Ministerio de Fomento subiu o billete para ir á Coruña ou Ferrol aos 3,90 para unha viaxe de 40 minutos. E aínda con todo isto os datos demostran que esta liña é unha alternativa ao transporte por estrada porque o número de viaxeiros e viaxeiras non deixa de incrementarse.
Mentres as preocupacións da xente se centran no desmantelamento do tren de Betanzos, o PP vive fóra da realidade e pretende facer ver que o único problema do tren é que non hai festexos para conmemorar o seu centenario
Non se pode valorar o tren desde un criterio de beneficios ou perdas, porque se trata dun servizo público. Temos que pensar que o modelo de transporte por estrada con coche particular que se fomentou no noso país non é sostíbel, xa que leva consigo unha destrución do medio, ademais de facer as cidades inhabitábeis. O actual trazado das vías pode ser desde xa alternativa para o estudantado betanceiro que cursa estudos na Coruña ou Ferrol, para os doentes que van ao hospital ou para centos de persoas que traballan nestas dúas cidades. Só falta a vontade política que PSOE e PP nunca tiveron.
Pero mentres as preocupacións da xente se centran no desmantelamento do tren de Betanzos, o PP vive fóra da realidade e pretende facer ver que o único problema do tren é que non hai festexos para conmemorar o seu centenario. Como se o problema do tren en Betanzos fose non ter festa de aniversario. Rajoy quere suprimir a liña A Coruña-Betanzos-Ferrol e o PP betanceiro só quere o tren para facerlle festa de cabodano.