Impulsamos unha moción conxunta de toda a Corporación en defensa do tren na comarca
Estamos moi orgullosos de ter sido capaces de chegar a un acordo unánime para defender un servizo público como o tren que foi básico para Betanzos e que debera volver a selo"
Betanzos, 23 de febreiro de 2016. O BNG-Asembleas abertas mostrou hoxe a súa satisfacción por ter logrado un acordo de todos os grupos políticos en defensa do tren. Estamos moi orgullosos de ter sido capaces de chegar a un acordo unánime para defender un servizo público como o tren que foi básico para Betanzos e que debera volver a selo, explicou o portavoz nacionalista Henrique del Río.
Desde o BNG-Asembleas abertas explicaron que o acordo recolle manifestar a disconformidade do Concello de Betanzos coa redución de servizos que se ven producindo nos últimos anos na liña férrea A Coruña-Betanzos-Ferrol. Así como pedir a ADIF e ao Ministerio de Fomento a realizar os investimentos necesarios para a mellora das infraestruturas ferroviarias no trazado dos ramais A Coruña- Betanzos-Infesta e mais Betanzos-Infesta- Ferrol, facendo fincapé no enlace directo destes dous ramais co by-pass de Betanzos, para mellora da velocidade e da calidade do servizo e, polo tanto, na mellora dos tempos de percorrido e outras melloras como duplicar as vías onde sexa preciso ou a modernización dos sistemas de seguridade e a electrificación da vía férrea A Coruña-Betanzos-Ferrol.
Pediamos a transferencia a Galiza das competencias e medios para ter tren de cercanías, mais modificamos o acordo buscando a unidade
Ademais, os acordos pactados con todos os grupos da Corporación inclúen demandar á Xunta que inclúa as viaxes en ferrocarril entre os concellos das distintas áreas do Plan de Transporte Metropolitano nas vantaxes e ofertas da Tarxeta de Transporte Metropolitano. Complétase coa demanda, a ADIF e Fomento, da posta en marcha dun servizo de ferrocarril de proximidades na liña A Coruña-Betanzos-Ferrol e desde Teixeiro até A Coruña na liña A Coruña-Palencia.
Unha proposta máis ambiciosa rebaixada para conseguir a unidade
A nosa proposta era máis ambiciosa, e dado que o estado español non quere emprestar os servizos ferroviarios de proximidades na nosa comarca, inicialmente propoñiamos que se transferisen as competencias e os medios necesarios á Xunta para poñer en marcha unha compañía galega de trens de cercanías, explica Del Río. Mais optamos por modificar os acordos buscando a unidade, porque entendemos que esta reclamación ten máis forza se sae dun acordo unánime da Corporación, engadiu.