O BNG levará ao Pleno o desmantelamento do tren
O BNG pide ao PP que se pense nos verdadeiros problemas dos usuarios e usuarias, que non se van a amañar con festas conmemorativas.
Betanzos, 22 de marzo de 2013. O BNG reclamará no Pleno que se paralice o proceso de desmantelamento e privatización da liña férrea A Coruña-Betanzos-Ferrol e que a Xunta negocie co goberno central as transferencias nesta materia a fin de crear un servizo de cercanías na área metropolitana.
O tren na comarca e na área metropolitana da Coruña está sendo discriminado con respecto a outras zonas do Estado que teñen menos habitantes, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río. Aínda encima, o goberno de Rajoy pretende suprimir as liñas que cruzan a nosa cidade utilizando como escusa a situación económica, engade.
Segundo explican os nacionalistas, os recortes do goberno central do PP supoñerán a eliminación de 24 trens por semana na liña A Coruña- Betanzos- Ferrol e 14 por semana na liña A Coruña-Lugo-Monforte, que fai parada en Betanzos-Infesta. De confirmarse estas previsións do Ministerio de Fomento, en total en Galiza se suprimiría unha cuarta parte das viaxes semanais con trens de media distancia.
É máis que discutíbel o criterio de eficiencia económica que o goberno central do PP utiliza para xustificar este desmantelamento do tren aseguran desde o BNG. Están a ofrecer servizos obsoletos, con tempos de viaxe nada competitivos e que fan fuxir os usuarios e usuarias. Tras a suba dos billetes aprobada por Fomento, o tramo Betanzos- Ferrol custa xa 3,90 euros e tarda 40 minutos e o tramo Betanzos A Coruña ten o mesmo prezo e tarda entre 38 e 41 minutos indican. Aínda así os datos demostran que esta liña é unha alternativa ao transporte por estrada, a pesar das poucas frecuencias, o número de usuarios e usuarias non deixa de incrementarse, insisten. Ademais, o tren ten estación nos campus universitarios da Coruña e Ferrol onde unha grande parte dos estudantes de Betanzos se desplazan diariamente, co problema que supón para este colectivo unha nova subida do transporte.
Non se pode valorar o tren desde un criterio puramente económico, de beneficios ou perdas, porque se trata dun servizo público, explicou Del Río. Temos que pensar que o modelo de transporte por estrada con coche particular que se fomentou no noso país non é sostíbel xa que leva consigo unha destrución do medio ademais de facer as cidades inhabitábeis, engade.
Por este motivo os nacionalistas reclaman que Xunta e goberno central negocien a transferencia das competencias en materia ferroviaria a Galiza, con financiamento e medios apropiados para crear unha Compañía Ferroviaria Pública Galega e acorden igualmente a mellora dos servizos de media distancia actuais no tocante a frecuencias, renovación dos convois e revisión á baixa das tarifas.
Rajoy quere suprimir a liña A Coruña-Betanzos-Ferrol e o PP betanceiro enreda co centenario
O BNG celebrou que o PP de Betanzos presente unha iniciativa ao Pleno sobre o tren, mais lamentou que se centre nunha festa en lugar dos problemas para as persoas que usan este transporte. Rajoy quere suprimir a liña A Coruña-Betanzos-Ferrol e o PP betanceiro enreda co centenario, é para o único que lles interesa o tren, para facerlle festas de despedida, indicou o voceiro do BNG, Henrique del Río. O PP evitou apoiar hai uns meses unha moción do BNG opoñéndose á privatización de RENFE e agora semella que queren darlle unha despedida e peche á liña en lugar de loitar por un medio de transporte que vertebre a comarca, lembrou.