O BNG cuestiona o desmantelamento do tren que propón o PP en Madrid
Non se pode valorar o tren desde un criterio de beneficios ou perdas, porque se trata dun servizo público.
Betanzos, 16 de maio de 2013. O BNG ofreceu esta tarde unha charla informativa para explicar a súa postura diante do desmantelamento do servizo ferroviario anunciado polo goberno do PP. Neste acto participaron María Otero e Henrique del Río, concelleiros do BNG en Betanzos, Paco Jorquera, portavoz no Parlamento e representantes do sector ferroviario da CGT.
Os intervintes profundizaron no que suporá para a comarca a supresión de 24 trens por semana na liña A Coruña- Betanzos- Ferrol e 14 por semana na liña A Coruña-Lugo-Monforte, que fai parada en Betanzos-Infesta. O goberno do PP, o goberno de Rajoy, acaba de facer pública a súa intención de suprimir liñas de tren, baixo coa escusa do aforro, explicou Henrique del Río, mentres celebran un acto de celebración do seu centenario que supón un dispendio de cartos públicos e que poderían empregarse en mellorar o servizo de transporte por ferrocarril en lugar de desmantelalo.
Nunca sentín que un funeral fose motivo de celebración, ironizou o portavoz municipal do BNG, Non se pode valorar o tren desde un criterio de beneficios ou perdas, porque se trata dun servizo público. Del Río insistiu en que o modelo de transporte por estrada con coche particular que se fomentou no noso país non é sostíbel, xa que leva consigo unha destrución do medio, ademais de facer as cidades inhabitábeis.
Francisco Jorquera puxo de manifesto o alto grao de coincidencia do BNG coas demandas e preocupacións do Sector Ferroviario da CGT e advertiu da importancia de artellar un servizo de ferrocarril social que atenda as necesidades de mobilidade de todas as persoas, non só das elites económicas que poden permitirse ir máis rápido a Madrid.
Jorquera sinalou que o tramo A Coruña-Ferrol, que acolle unha poboación dunhas 600.000 persoas, está programado para deixar o esmorecer o servizo. Con apenas 10 km de distancia por mar e 50km por estrada, o tramo do tren non variou en cen anos e tan só conta con 5 frecuencias ao día e o traxecto dura 1h20min, case tanto como o AVE Madrid-Valencia, denunciou.