Igualdade, festas e tradición
As tradicións e os costumes deben adaptarse para ter cabida na sociedade que as acolle e para adaptarse ás mudanzas desa sociedade
As tradicións e os costumes deben adaptarse para ter cabida na sociedade que as acolle e para adaptarse ás mudanzas desa sociedade
Unha tradición é un conxunto de usos e costumes antigos propios dun pobo e que son transmitidos de xeración en xeración. Esta definición, que fai fincapé en dúas cuestións, antigos e propios, lévannos a cuestionar que o termo tradición sexa o máis axeitado para nos referirmos aos actos que se celebran arredor da coroación das Raíñas das Festas.
Segundos os documentos con que contamos, os actos da Raíña das Festas nacen en 1946, en plena ditadura franquista e hai menos de 80 anos.
A pesar de que colle o nome da Corte do Amor dos Xogos Florais das Irmandades da Fala de 1918, nada tería a ver con estes, senón que é unha deturpación completa do certame poético irmandiño. Para as Irmandades, a muller non era un floreiro ou simple accesorio que exhibir, non obstante foron a primeira organización que deron participación activa ás mulleres na vida pública, política e social galega.
Mais supoñamos que é unha tradición. Moitas tradicións modificáronse ou mesmo desapareceron porque non respectaban os dereitos e liberdades dos seres humanos ou dos animais. As tradicións e os costumes deben adaptarse para ter cabida na sociedade que as acolle e para adaptarse ás mudanzas desa sociedade.
Cal é problema a ollos do BNG? A exhibición e cousificación do corpo feminino. A utilización das mozas como obxectos que ensinar vestidas de branco, con todas as connotacións que o branco ten na nosa sociedade. As mulleres somos algo máis que corpos sen voz, que obxectos que deben ser amosados e colocados no foco das críticas.
Non esquezamos que a isto cómpre sumarlle a incuestionábel compoñente clasista e a falta de transparencia na escolla.
As institucións públicas non poden nin deben promover e costear este tipo de actividades. Podemos organizar unhas festas atractivas, novidosas e que atraian público sen dicirlle ás mozas de Betanzos que só valen para lucirse vestidas de noivas.
Cómpre educar en igualdade e cómpre promover a igualdade desde todas e cada unha das actuacións das institucións públicas.