As betanceiras somos afortunadas por múltiples cuestións e unha delas é pola privilexiada situación que o noso concello ocupa desde o punto de vista xeográfico. Esta situación debería garantirnos a mobilidade a través do transporte público colectivo coas cidades veciñas da Coruña e de Ferrol, mais tamén co resto de Galiza e, obviamente, cos demais concellos que conforman a comarca das Mariñas.
Non obstante, a realidade é outra. Desde a implantación do Plan de Transporte da Xunta de Galiza e co redeseño das liñas de autobús, a veciñanza de Betanzos e das Mariñas en xeral está a vivir un auténtico caos desde o punto de vista dos servizos e da información.
Os novos servizos, mesmo despois da anunciada ampliación de liñas do 24 de xaneiro, fan inviábel unha correcta conectividade entre Betanzos, A Coruña e Ferrol, e ignoran a articulación da mobilidade entre os concellos das Mariñas. Os desprazamentos por motivos laborais, académicos ou sanitarios dificúltanse polo recorte de servizos, a eliminación de paradas e a supresión de viaxes directas.
Esta dificultade é especialmente acusada no caso do estudantado. Carecen de servizos directos aos campus próximos (a pesar das iniciativas do BNG solicitando o estabelecemento de liñas directas desde Betanzos), non hai buses con horarios compatíbeis de ida e para as voltas cómpre agardar durante horas na estación. O mesmo acontece cos desprazamentos a outros centros educativos de formación profesional, en que, ou non hai servizos que permitan chegar a tempo ou hai que agardar case unha hora ao comezo da xornada lectiva.
Mención á parte merece a cuestión da información á veciñanza. Raro é o día en que algunha veciña non pregunta pola existencia ou supresión dalgunha liña. As informacións que se expoñen nas webs e a realidade distan moito, creando grande confusión entre as usuarias.
Esta última cuestión xera desconfianza e implica unha falta de uso do servizo, que procura outras alternativas de mobilidade ao non ter claro se vai poder regresar ao seu fogar ou se vai poder chegar ao seu traballo con puntualidade.
Fronte á inmobilidade do Concello e da Xunta, no BNG seguiremos a traballar con iniciativas públicas e institucionais que garantan unha correcta mobilidade no transporte público, posto que esta é a alternativa máis acaída se queremos apostar por un transporte máis sustentábel desde o punto de vista económico e ecolóxico.