40 anos ao servizo de Galiza e de Betanzos
Para nós, ese cambio debe comezar desde os concellos. Os concellos son as raíces con que se vencella a árbore do nacionalismo no territorio
Para nós, ese cambio debe comezar desde os concellos. Os concellos son as raíces con que se vencella a árbore do nacionalismo no territorio
Nas semanas pasadas, o Bloque Nacionalista Galego celebrou o 40 aniversario da súa fundación. Catro décadas pasaron desde aquel fin de semana do 25 e o 26 de setembro, en que un grupo de persoas vinculadas a diversos partidos políticos e a outras organizacións se reunían no Frontón de Riazor para crear unha forza cun obxectivo prioritario: a construción dunha identidade propia e diferenciada.
Ao longo destes anos, no BNG temos demostrado que estamos alí onde poida existir un problema que lle afecte á cidadanía galega, que estamos dispostas a dar batalla para defender Galiza e as galegas. E, asemade, temos demostrado que o nacionalismo é un proceso sólido e necesario para crear unha sociedade diferente. Unha sociedade máis xusta socialmente, baseada no respecto polo patrimonio histórico, cultural e medioambiental, asentada nas nosas raíces, mais tamén moderna. Porque non hai nada máis cosmopolita e máis moderno que ser nacionalista, que loitarmos por mudar o mundo comezando desde o noso país.
Para nós, ese cambio debe comezar desde os concellos. Os concellos son as raíces con que se vencella a árbore do nacionalismo no territorio. Neste sentido, no BNG de Betanzos queremos un Betanzos moderno e con futuro, mais que non esqueza e que mime o seu pasado e o seu patrimonio histórico; que coide o seu medio natural e a súa ría, que se abra ao seus ríos e que os converta nun lugar de referencia para o lecer e para a vida diaria da veciñanza; que loite pola xustiza social e invista en bolsas de estudos e de formación; que aposte por unha mobilidade colectiva, pública e sustentábel que lle permita á veciñanza desprazarse en autobús ou en tren aos seus lugares de traballo e de estudo; que respecte aos seus maiores, ofrecéndolles un xeriátrico e un centro de día públicos... En definitiva, no BNG de Betanzos queremos volver ser o que fomos: o centro de referencia da nosa comarca. Queremos volver sentirnos orgullosas de Betanzos e de ver como o noso concello avanza e sae desta longa e lenta desidia en que está sumido.
No BNG temos pasado e temos presente mais, sobre todo, temos futuro. Estamos convencidas de que ese futuro nos depara grandes oportunidades. A nosa misión é ser audaces e ambiciosas para, entre todas, construírmos unha Galiza e un Betanzos mellor. Por moitos anos máis.