Nos últimos días do 2021, no BNG de Betanzos presentamos as nosas alegacións contra o Plan Xeral de Ordenación Municipal, unhas alegacións que recollen aqueles aspectos que motivaron o noso voto contrario á aprobación inicial do Plan e que inciden nas necesidades que ten o noso concello a día de hoxe.
No BNG temos claro que o PXOM presentado polo goberno do PSOE non soluciona os problemas que ten o noso concello, todo o contrario. Convértenos nunha cidade dormitorio da Coruña, esquécese por completo da conservación e rehabilitación do noso patrimonio, promove a especulación en lugar de favorecer a rehabilitación dese 25% de vivenda baleira con que contamos a día de onte, non soluciona os problemas de mobilidade e afonda na decadencia en que está a caer a nosa cidade. Nós ofrecemos outro modelo, un modelo centrado no patrimonio e no benestar da súa veciñanza, un modelo de cidade completamente diferente ao que recolle o actual PXOM e que devolva Betanzos ao seu papel de cabeceira comarcal das Mariñas e cidade de referencia da bisbarra.
E niso se centran as nosas alegacións, na construción dun outro Betanzos. Propoñemos un Betanzos que se abra aos seus ríos, que se elimine o proxecto de construír vivendas sobre pivotes nas beiras do Mendo e do Mandeo e que se devolvan esas zonas á veciñanza, creando un cinto de zonas verdes arredor da cidade histórica de máis de 3 000 metros cadrados entre as rúas Ferradores, Ánxeles, Cañota e Fonte de Unta, con varios accesos, e que conectaría coa zona do Frade e do Areal. Isto uniríase ao traslado do cuartel da Garda Civil, onde se crearía outro espazo de lecer, porque consideramos que a carencia de espazos para o desfrute da natureza e do ocio limitan a calidade de vida das betanceiras e réstanlle dinamismo á cidade.
E achegamos solucións ao outro grande problema do PXOM, o da mobilidade. Fronte a un plan que basea a mobilidade futura na circulación a través de pontes históricas como a das Cascas ou a Ponte Vella (que deberían ter restrinxida a circulación), ofrecemos alternativas reais. Neste caso, a construción dun novo acceso á N-VI desde o Camiño Real de Infesta á altura da Condesa, que desconxestionaría o tránsito sobre a ponte romana e o cruce da Madalena, ao tempo que lle quitaría tráfico á zona do Pasatempo e dos centros escolares.
Un novo modelo para un Betanzos diferente. Un modelo que se basea no labor que o BNG ten desenvolvido en concellos como Allariz e como Pontevedra e que ten sido premiado en numerosas ocasións. Un modelo para o Betanzos do futuro.