O prezo de vivir
Perante esta situación, debemos esixir a todos os gobernos, estatal, galego e local, que tomen medidas urxentes, que nos fagan resistentes a esta alza de prezos e que non haxa un empobrecemento radical da poboación.
Perante esta situación, debemos esixir a todos os gobernos, estatal, galego e local, que tomen medidas urxentes, que nos fagan resistentes a esta alza de prezos e que non haxa un empobrecemento radical da poboación.
Nas últimas semanas, a cidadanía galega está a vivir unha escalada de prezos sen precedentes. Esta carestía, que se iniciou hai uns anos, estase a incrementar de maneira desorbitada nas últimas semanas e ameaza con incrementar as bolsas de pobreza e con impedir á cidadanía o acceso aos servizos máis básicos.
Obviamente, esta suba dos prezos non está provocada por unha única causa, a guerra agrávaa, mais a inflación xa rozaba o 6% antes de comezar o conflito bélico. O que é incuestionábel é que as decisións políticas condicionan a repercusión desta inflación na vida diaria das cidadás e que as medidas políticas poden agravar ou aliviar os efectos desta crise.
Perante esta situación, debemos esixir a todos os gobernos, estatal, galego e local, que tomen medidas urxentes, que nos fagan resistentes a esta alza de prezos e que non haxa un empobrecemento radical da poboación.
No BNG temos claro que nos debemos poñer do lado da cidadanía, desas persoas que están a ver como cada día lles resulta máis difícil facer fronte ao custo de vivir, ao custo de afrontar os gastos máis básicos do día a día. Por este motivo, propuxemos que se adoptasen desde xa medidas concretas nos sectores que máis están a incrementar os seus prezos.
Esiximos, unha vez máis, que se interveña o sector enerxético e que se controlen os prezos da electricidade e do gas. Máis que nunca é necesaria unha tarifa eléctrica galega, que teña en conta o nosos papel de grandes produtores enerxéticos. Na mesma liña, cómpre reducir de maneira temporal os impostos que gravan os hidrocarburos, rebaixar os prezos do transporte público e mellorar as frecuencias e as calidades dos servizos de transporte colectivo, co fin de favorecer o aforro de combustíbel.
Asemade, é necesaria unha baixada selectiva do IVE dos alimentos básicos, os produtos do mar, de hixiene persoal e feminina, o transporte público, a electricidade e o gas.
E, por suposto, demandamos do goberno central o incremento das pensións e dos salarios máis baixos até o 60% do soldo medio actual para reverter a perda de poder adquisitivo da maior parte da poboación galega, que xa conta cunhas das pensións e dos salarios máis baixos do Estado.
Con estas e outras medidas poderemos facer fronte á grave crise que se aveciña (e que se une á crise provocada pola pandemia mundial) e impedir que, unha vez máis, sexan as clases máis populares as que paguen as consecuencias do fracaso do actual modelo económico e social.