O BNG homenaxea a Antolín Faraldo, figura chave do movemento provincialista galego

As nacionalistas lembran que, sen figuras como a de Faraldo, hoxe o pobo galego non contaría cun Parlamento no Pazo do Hórreo, un goberno galego ou un Estatuto de Autonomía.

O BNG homenaxea a Antolín Faraldo, figura chave do movemento provincialista galego

Betanzos, 10 de setembro de 2023.- O BNG de Betanzos celebrou no serán de onte a súa homenaxe anual a Antolín Faraldo, ideólogo do movemento Provincialista, iniciador do nacionalismo galego, e unha das figuras máis importantes da historia contemporánea brigantina e galega.

O acto contou coa participación de Mercedes Queixas Zas e Xosé Luís Rivas, Mini, deputada e deputado nacionalistas no Parlamento galego.

Nas súas intervencións, lembraron que Faraldo foi o máximo representante dunha xeración, a do Provincialismo galego, que foi o punto de partida do nacionalismo galego actual e que sen as súas teses sería imposíbel entender os fitos acadados polo movemento nacionalista ao longo da súa historia.

Lamentaron o esquecemento institucional de Faraldo, nomeado Fillo Predilecto de Betanzos en 2003 a iniciativa do BNG e de quen o ano pasado se cumpriu o bicentenario do seu nacemento. Para as nacionalistas, “Faraldo segue a ser o primeiro e o mellor da súa xeración, como xa recoñecía Manuel Murguía, e foi todo un avanzado na súa época, ao defender temas tan actuais como un sistema tributario xusto, a liberdade de dereitos das mulleres ou a importancia da saúde mental”.  

As nacionalistas fixeron seu o lema de Faraldo, “na historia apréndese a liberdade”, para ter presente que sen figuras como a do homenaxeado hoxe o pobo galego non contaría cun Parlamento no Pazo do Hórreo, un goberno galego ou un Estatuto de Autonomía.

O BNG homenaxea a Antolín Faraldo, figura chave do movemento provincialista galego