O BNG solicita medidas para o coidado dos gatos de rúa
As nacionalistas mantiveron unha reunión con diversas persoas que se encargan do coidado destes animais e trasladáronlle ao pleno a necesidade de coñecer se o goberno local está a traballar nesta liña e se, efectivamente está a redactar un protocolo de actuación para o coidado das colonias felinas.
Betanzos, 12 de setembro de 2023.- O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria para que o goberno local de Betanzos tome as medidas necesarias para o coidado das colonias de felinos que se recollen na Lei de protección animal estatal.
“O 29 de setembro de 2023 entrará en vigor a Lei de protección animal que lle exixe ás entidades municipais, entre outras cuestións, a redacción dun protocolo de actuación para a xestión de colonias felinas e a elaboración das ordenanzas necesarias para o coidado dos felinos que viven na rúa” lembrou a concelleira nacionalista, Vanessa Rey.
As nacionalistas mantiveron unha reunión con diversas persoas que se encargan do coidado destes animais e trasladáronlle ao pleno a necesidade de coñecer se o goberno local está a traballar nesta liña e se, efectivamente está a redactar estes textos. Na mesma liña de protexer a mencionada colonia, pediron a recolocación de casetas para a alimentación, o tratamento e a esterilización dos felinos.
No BNG lembraron que a lei marca a colaboración con entidades de xestión inscritas nun rexistro e solicitáronlle ao Concello de Betanzos a negociación dun convenio de colaboración con algunha ou algunhas entidades para a xestión do coidado gatuno.
Finalmente, a concelleira nacionalista instou ao goberno local que estabeleza a figura de “persoa colaboradora” para aqueles veciños e veciñas que queiran seguir a axudar neste labor de coidado dos felinos que viven nas rúas.