O BNG pide ao goberno local a aprobación do Plan de Mobilidade

Salvador González: “A día de hoxe, as betanceiras contamos cunha cidade con saídas saturadas; en que os semáforos presentan mal funcionamento ou directamente non funcionan durante semanas; con marcas viarias invisíbeis, con escasas zonas pensadas para o aparcamento dos vehículos e con pasos de peóns mal pintados e mal pensados na súa localización”

O BNG pide ao goberno local a aprobación do Plan de Mobilidade

Betanzos, 24 de xuño de 2024.- O BNG pide ao goberno local información sobre a aprobación do Plan de Mobilidade. “En setembro de 2020, o Concello de Betanzos anunciaba a través dunha nota de prensa, o inicio da tramitación e a contratación da redacción Plan de Mobilidade Municipal. Xa en setembro de 2021, o BNG de Betanzos presentaba unha moción solicitando coñecer información sobre o estado da tramitación do plan de mobilidade e sobre o resultado das mencionadas enquisas á poboación”, explicou o concelleiro do BNG, Salvador González. 

Para o BNG, a prioridade no espazo público ten que ser para as persoas, por iso facer uns espazos públicos seguros e fomentar a mobilidade peonil é fundamental. “Non só pola seguridade, tamén polo propio deseño das vías. Teñen que orientarse cara a mobilidade a pé ou bicicleta, e fomentar o transporte público e non ceder todo o protagonismo ao coche particular”, informou o concelleiro do BNG. 

“Cómpre lembrar que, a día de hoxe, as betanceiras contamos cunha cidade con saídas saturadas; en que os semáforos presentan mal funcionamento ou directamente non funcionan durante semanas; con marcas viarias invisíbeis, con escasas zonas pensadas para o aparcamento dos vehículos e con pasos de peóns mal pintados e mal pensados na súa localización”, engadiu. 

“Así mesmo, a mobilidade no Casco Histórico segue esquecida e non se cumpren as ordenanzas en vigor, nin se derrogan, nin se avanza na aprobación dunhas normas novas e mentres tanto os coches entran e aparcan nas rúas e prazas do Casco sen ningunha regulación, abocando a betanceiras e a visitantes a circular no caos”, indicou Salvador González. 

Desde o BNG engadiron que a problemática da mobilidade tamén se pode facer extensíbel a algunhas zonas do rural (como Infesta, Tiobre ou Castro), que contan con vías moi estreitas para soportar unha alta densidade de tráfico en ambos os sentidos e que fan necesaria unha nova regulamentación que atenda as novas necesidades.

Por todo isto pediron ao goberno local que axilice a aprobación do Plan de mobilidade e solucione os problemas que existen na regulamentación de semáforos, na sinalización viaria, nos pasos de peóns e nos cruzamentos.

“O goberno local ten que facer cumprir a regulamentación sobre a circulación e aparcamento no Casco Histórico, co fin de acabar co caos circulatorio en que vive a día de hoxe, así como a regulamentación sobre aparcamento e mobilidade en todos os barrios de Betanzos. Tamén é importante reformular a mobilidade nas parroquias do rural, en especial naquelas zonas en que se poidan crear vías dun único sentido, mellorando a seguridade de vehículos e peóns”, concluíu Salvador González. 

O BNG pide ao goberno local a aprobación do Plan de Mobilidade