O pleno acorda, a iniciativa do BNG, pedir a cesión do antigo ambulatorio para un centro de día público
Amelia Sánchez: “Logo de que a Xunta non adxudicase a Betanzos a subvención que pedira o goberno local do PSOE para construír un centro de día no Carregal, é o momento de solicitar canto antes a cesión do antigo ambulatorio para abrir alí un centro de día, xa que o goberno central está disposto a cedelo”
Betanzos, 9 de xullo de 2024.- O Pleno do Concello de Betanzos acordou, a iniciativa do BNG, negociar a cesión do antigo ambulatorio da rúa Pintor Seijo Rubio para abrir nel un centro de día público. A voceira nacionalista, Amelia Sánchez, explicou que a proposta chega tras responder o goberno español a unha iniciativa do BNG no Congreso dos Deputados abrindo a porta á cesión do edificio do antigo ambulatorio para uso municipal.
“Logo de coñecer a resposta a unha iniciativa do BNG, a través do noso deputado Néstor Rego, na que o goberno do Estado se abría á cesión do edificio do antigo ambulatorio para uso municipal. Consideramos que o goberno local debe insistir na posibilidade de utilizar unha parte do edificio para un uso tan necesario como demandado por parte da sociedade betanceira como é un centro de día público”, indicou a voceira do BNG, Amelia Sánchez.
As nacionalistas explican que, “dado que o goberno local do PSOE non obtivo a subvención que pedira á Xunta para construír un centro de día no Carregal, esa posibilidade para termos un centro de día non existe”. As nacionalistas consideran que se debe retomar o proxecto inicial do antigo ambulatorio e realizar todos os trámites que sexan necesarios para conseguir a cesión do edificio.
“Defendemos desde hai anos como mellor opción a rehabilitación do antigo ambulatorio e, así, desde o ano 2007 o Pleno veu aprobando posicionamentos favorábeis neste sentido. Non obstante, tamén apoiamos o proxecto para o seu emprazamento nas proximidades do centro de saúde do Carregal que o goberno local propuxo en febreiro de 2023, ao considerarmos este servizo primordial se ofrecese onde se ofrecese”, indicou Amelia Sánchez.
Desde o BNG lembraron que levan anos reclamando a creación dun centro de día público comarcal no concello de Betanzos. Xa en 2007 o goberno local brigantino e a Xunta de Galiza tiñan alcanzado o compromiso de abrir un centro de día público en Betanzos e, mesmo, o anterior presidente da Xunta tiña prometido que antes de acabar a súa primeira lexislatura no cargo dotaría dun centro de día público a todos os concellos con máis de 5000 habitantes.