O BNG denuncia unha campaña de mentiras do entorno do PP para utilizar as festas e o globo como arma política
Amelia Sánchez: “Parece cada día máis evidente é que hai a un sector da dereita á que lle interesa que non haxa Globo, para poder politizar este tema e utilizalo como elemento de confrontación”
Betanzos, 16 de xullo de 2023.- O BNG denuncia unha campaña política do PP para utilizar as festas de Betanzos e o globo como arma política. “Desde o entorno do Partido Popular púxose en marcha unha campaña de mentiras, nunha estratexia interesada e dirixida a crear crispación entre a veciñanza para intentar sacar rédito político”, denunciou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez. “Actuar así, a sabendas de que se está creando crispación social, parécenos unha irresponsabilidade moi grave. A convivencia e o sentido de veciñanza é o primeiro e máis importante ben a conservar”, engadiu.
“Nas súas declaracións Jaime Pita, membro do padroado da fundación Globo de San Roque e da candidatura do PP, ademais de ex-conselleiro do goberno da Xunta con Fraga, mestura interesadamente os cambios na figura da Raíña das Festas que supoñen unha ampliación de dereitos, xa que agora calquera persoa se pode presentar e supoñen un avance importante en termos de igualdade ademais de acabar co tinte absolutamente sexista e anacrónico que tiña esta celebración, coa negativa da propia Fundación da que forma parte a elaborar o Globo”, indicou a portavoz nacionalista.
“Destas declaracións, e da campaña do PP estes días, o que si parece cada día máis evidente é que hai a un sector da dereita á que lle interesa que non haxa Globo, para poder politizar este tema e usalo contra o BNG, aínda estando o BNG na oposición. Parécenos gravísimo que minta publicamente intentando culpabilizar ao BNG das súas propias responsabilidades como patrón da Fundación que tiña que elaborar o Globo”, explicou Sánchez.
O BNG quere lembrarlle ao señor Jaime Pita que o globo non é seu, é do pobo, de todos os betanceiros e betanceiras, págase con cartos públicos, é un símbolo que debe estar por riba de ideoloxías e é indecente usalo politicamente como está facendo o PP.
“Queremos saber cales son os motivos reais que fan que este ano non haxa Globo. No comunicado da Fundación Globo de Betanzos, a encargada de organizalo, dise que a causa son “motivos alleos” á súa vontade. Pola súa parte o PSOE indica que non son problemas económicos ou de causa de medios. Polo tanto, cales son eses motivos?”, preguntou a voceira do BNG. “É necesario que se expliquen canto antes. O Concello e a familia Pita teñen que explicar aos betanceiros e betanceiras que está pasando, con transparencia e claridade”, engadiu.
“O Globo, as Festas de San Roque ou os Caneiros son patrimonio de todos e todas, símbolos de Betanzos. Un elemento que nos debera unir por riba de ideoloxías, opinións ou formas de sentir o noso concello. Betanzos ten que ter Globo e ten que haber unhas Festas de San Roque potentes, masivas, que xeren riqueza para a nosa hostelería e comercio”, engadiu a voceira nacionalista.
Desde o BNG agardamos que se atope canto antes unha solución a esta situación, para que Betanzos recupere e desfrute o seu Globo. Aínda se está a tempo, se hai vontade. Pero se finalmente non houbese Globo neste 2023, insistimos en que desde o goberno local se deseñen medidas de apoio á hostalería e comercio local.
“Despois do impacto que xa tivo na economía de Betanzos a crise do norovirus, é necesario que restaurantes, bares, cafeterías, comercio... conten con apoio para paliar este novo impacto negativo. O goberno local, como xa pedimos para a crise provocada polo brote de gastroenterite, ten que estudar unha liña de axudas para compensar a hostalería e negocios locais, que están nunha situación moi complicada”, concluíu Amelia Sánchez.