O BNG esixe a paralización da tala masiva de arboredo na beira do Mendo
As nacionalistas esíxenlle ao goberno local que deteña os traballos de tala abusiva nas marxes do río, que lle afectan a un espazo protexido pola Rede Natura 2000 en plena época de cría de aves.
Betanzos, 6 de maio de 2026. O BNG de Betanzos esixiralle ao goberno local que paralice de maneira cautelar as talas abusivas que se están a producir nas marxes do río Mendo, desde a zona do lavadoiro das Cascas e ao longo da zona do Carregal.
Logo de ser alertados pola veciñanza, as nacionalistas presentarán un escrito por rexistro para solicitar a parada destas accións até que se aclaren os motivos desta tala abusiva e se explique se se conta cos permisos e co asesoramento necesario para desenvolvela.
Hai uns días, o goberno local de Betanzos anunciou o inicio dos labores de limpeza do río Mendo, dentro dunha actuación para a limpeza e desbroce do río, co obxectivo de mellorar a seguridade, a drenaxe do leito do río e a recuperación ambiental do espazo. Non obstante, “estase a cortar arboredo que non está sobre a marxe do río nin lle afecta ao leito. O goberno informou que ía retirar árbores caídas e restos vexetais acumulados no río, mais o que estamos a observar é unha tala masiva e sen control de arborado que non lle afecta ao curso do río”, indicou Amelia Sánchez.
As nacionalistas resaltaron que esta actuación se está a desenvolver nunha área protexida, que se sitúa dentro da Rede Natura 2000, e que con estas talas se están a destruír niños de aves xusto no momento en que estas aves están a criar. “Trátase dunha zona de especial protección pola presenza dun bosque de ribeira arredor do Mendo e do Mandeo, polo que non se entende esta actuación”, engadiu Sánchez.
Por outro lado, desde o BNG lembraron que no pasado pleno se aprobou por unanimidade unha iniciativa súa coa finalidade de crear unha área de restauración ecolóxica nesta zona. “Non se pode protexer e recuperar un hábitat cunha man e destruílo coa outra”, concluíu a concelleira nacionalista.