Propuxemos no Pleno utilizar alternativas de decoración máis baratas e sostíbeis á iluminación de Nadal
“Todo o que antes destinaba o Concello a isto pode derivarse a políticas de investimento en servizos ou na rehabilitación do patrimonio”
“Cómpre que o goberno local faga un esforzo en promover o consumo no pequeno comercio como opción responsábel e sustentábel ambiental e socialmente
“Todo o que antes destinaba o Concello a isto pode derivarse a políticas de investimento en servizos ou na rehabilitación do patrimonio”
“Cómpre que o goberno local faga un esforzo en promover o consumo no pequeno comercio como opción responsábel e sustentábel ambiental e socialmente”
Betanzos, 2 de decembro de 2017. O Pleno aprobou, por iniciativa do BNG, organizar obradoiros de reciclaxe para crear unha decoración festiva máis respectuosa co medio, máis orixinal e elaborada pola propia veciñanza. “É unha proposta que vimos defendendo desde hai anos, porque as luces de Nadal se acenden cada ano máis cedo mentres despois se apaga a iluminación nocturna das rúas ou se piden créditos para cambiar a led e tratar de conter a factura”, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
As nacionalistas consideran que esta proposta, que veñen defendendo desde hai anos, permite crear unha decoración diferente e alternativa con criterios de sustentabilidade e ademais permite reducir custos, “que á súa vez axuda a levar a decoración a rúas actualmente discriminadas pola ausencia de adornos festivos”, explican. “Isto é algo diferente ás arcadas alugadas polo goberno local, novidoso e distinto que se convirte nun atractivo máis, tanto pola singularidade como por estar elaborado pola propia veciñanza”, engade Del Río.
En paralelo, as nacionalistas propoñen realizar outros obradoiros de reciclaxe de refugallos cotiáns, como elaborar xabrón a partir do aceite usado das casas. “É unha maneira orixinal de reducir o lixo que producimos e dá para elaborar agasallos orixinais e completamente diferentes e mesmo funciona como unha opción de autoemprego vinculada á artesanía e a reciclaxe” engaden.
“As dúas medidas, á súa vez, redundarán noutros beneficios para a nosa veciñanza e o propio Concello, como a redución do volume de lixo xenerado por cada persoa, de maneira que o Concello pagará menos pola recollida e tratamento do lixo no noso municipio, ou a redución da factura eléctrica, con canto isto significa social e ambientalmente”, explica Del Río. “E todo o que antes destinaba o Concello a isto pode derivarse a políticas de investimento en servizos ou na rehabilitación do patrimonio”, abunda.
Potenciar os circuítos curtos de consumo cunha app e promoción do mercado
A proposta incluíase nunha moción que propuña desenvolver unha campaña sobre consumo responsábel de cara ao Nadal. “O comercio é un sector estratéxico para Betanzos, polo que cómpre que o goberno local faga un esforzo en promover o consumo no pequeno comercio como opción responsábel, sustentábel nos sentidos ambiental e social, e consciente, axustado ás necesidades reais da veciñanza rachando co consumismo” explican. Para darlle soporte, no BNG propoñen unha app cunha guía de consumo responsábel e circuítos curtos de consumo.
Neste sentido, O BNG entende que parte fundamental desta campaña é potenciar estes circuítos curtos de consumo coa organización de campañas e eventos específicos para o mercado municipal. “Quedaría coxo todo se o Concello non reformula a súa política de compra de bens a este mesmo criterio de consumo responsábel”, engade.