O BNG critica que o PSOE gastase 40 000 euros nas pasadas festas de Nadal
O PSOE funde 40 000 euros nas festas do Nadal e agora veñen dándose publicidade a costa da xente que peor o está a pasar anunciando que destinarán 35 000 euros a emerxencia social. 40 000 euros en 15 días das festas do Nadal e 5000 para emerxencia social en todo o ano 2013 reflexan moi ben as prioridades do PSOE.
Betanzos, 27 de febreiro de 2014. O BNG cuestionou que o goberno local do PSOE gastase case 40 000 euros nos pasados festexos do Nadal. Para estes dispendios o PSOE sempre atopa cartos, para crear as bolsas de actividades extraescolares ou para incrementar as de material escolar nunca atopan os fondos e o momento, lamentou o voceiro nacionalista. Del Río, lembrou que un dos motivos que levaron aos nacionalistas a rexeitar os orzamentos do goberno do PSOE foi precisamente o dispendio de 238 000 euros en festas, unha cantidade indecente coa que está caendo.
Á vista da da mesma programación de Nadal pobre e sen imaxinación que no básico é exactamente a mesma que o PSOE antes criticaba ao PP os nacionalistas lamentan que o goberno do PSOE insista en manter ao técnico de desenvolvemento local ocupado tan só na organización de festas e eventos gastronómicos como a nova semana de petiscos.
Segundo os datos facilitados polo goberno local, o PSOE gastou máis de 7200 euros no aluguer das carrozas para a Cabalgata de Reis. Un gasto indecente para unhas poucas horas de evento engaden desde o BNG. Os nacionalistas recordan que o Concello conta con tres carrozas da súa propidade, que se gardaban no recinto feiral de Bellavista a non ser que PP primeiro e PSOE despois as abandonasen e apodreceran.
40 000 euros en 15 días das festas do Nadal e 5000 para emerxencia social en todo o ano 2013 retratan moi ben as prioridades do PSOE
Resulta que o PSOE funde 40 000 euros nas festas do Nadal e agora veñen dándose publicidade a costa da xente que peor o está a pasar anunciando que destinarán 35 000 euros a emerxencia social, indica o voceiro do BNG. É a proba elocuente de cales son as prioridades do goberno do PSOE, estragar os cartos en festas exactamente como antes criticaban ao PP, engade. 40 000 euros en 15 días das festas do Nadal e 5000 para emerxencia social en todo o ano 2013, lamenta.
Betanzos rematou decembro con 1185 persoas en desemprego, 1206 ao acabar xaneiro, recordan. Non están os tempos para tirar así 40 000 euros, cando esta cantidade sería suficiente para financiar programas que fagan a crise máis levadeira para as veciñas e veciños de Betanzos. Estas son as cousas que a xente non entende nun momento de crise terríbel coma o que estamos a vivir, apuntan desde o BNG.
O PSOE segue contratando a dedo para evitar o concurso público
Entre os gastos do programa de festas de Nadal aparecen outros 8477,03 en varias contratacións diferentes a unha empresa de animación, que é contratada ao longo do ano para outros moitos eventos polo goberno local. O PSOE divide en varias partes estes servizos para evitar o concurso público e dar o contrato a dedo a quen quere, denuncian.
O PSOE fartouse de criticar a forma en que gastaba o PP, sen contrato, sen fondos no orzamento e sen máis criterio que as súas comenencias clientelares e resulta que están facendo exactamente o mesmo
Cos propios datos que dá o PSOE queda probado que continúan repartindo cartos públicos a dedo, ás empresas que o PSOE decide e cos criterios que ao PSOE se lle ocorren, se é que os hai, advertiu o voceiro do BNG, Henrique del Río. Exactamente o mesmo que facía o PP no anterior mandato e que o PSOE lle criticaba, indicou.
O PSOE fartouse de criticar a forma en que gastaba o PP, sen contrato, sen fondos no orzamento e sen máis criterio que as súas comenencias clientelares e resulta que están facendo exactamente o mesmo, denuncian desde o BNG. Repetindo canto se fartaron de criticar ao PP hai dous anos, se quedase algo de dignidade no PSOE dimitían, asegura o voceiro nacionalista.
Non sabemos se se aferran á poltrona polo simple feito de ostentar o poder ou por defender outros intereses, pero se tivese dignidade, logo de ter chegado á Alcaldía defendendo o contrario do que fai, o alcalde dimitiría, e con el todo o seu goberno, aseguran desde o BNG.