Resumo do pleno de 28 de novembro de 2017

quiqueplenoraias
Henrique del Río nun pleno

Ofrecémosche os nosos posicionamentos e sentido de voto no Pleno, con enlace ao audio dos debates cando houbo debate de fondo das propostas.

Resumo do pleno de 28 de novembro de 2017

Ofrecémosche os nosos posicionamentos e sentido de voto no Pleno, con enlace ao audio dos debates cando houbo debate de fondo das propostas.


1-    Actas de xuño e xullo, dar conta de decretos e documentación diversa, dar conta dos reparos de intervención no ano 2016 e informe de morosidade e dimisión de concelleira do PP.
Nada que manifestar en ningún dos puntos, que son simplemente dar conta.

2-    Solicitude de oficina administrativa da Policía Nacional para DNI, pasaportes e estranxeiría: o Concello comprométese a dispoñer unha oficina amoblada para funcionamento diario.
Ideoloxicamente estamos en contra de despregar a policía española no territorio galego, avogando por crear e despregar a policía integral galega que prevé o Estatuto e replegando as forzas españolas. Mais recoñecemos que na tesitura actual a oficina proposta permitiría renovar documentación sen forzar a se desprazar á Coruña a veciñanza. En consecuencia, abstémonos. Escoita o debate.

3-    Distincións da gala do deporte
Como en todas as propostas de honras públicas que fai o goberno local o noso voto é a abstención.

4-    Aprobación definitiva do regulamento orgánico municipal: estimación alegacións do BNG
Cremos que se o goberno local tivera accedido a eliminar do seu regulamento a prohibición de termos copia da documentación municipal non teriamos que ter chegado a impugnar o regulamento e alegar. Celebramos que agora recapaciten porque a prohibición está fóra dos dereitos que prevé a lei. Advertimos que vixiaremos estes tics autoritarios que lle sae ao PSOE de cando en vez. Votamos a favor. Escoita o debate.

5-    Aprobación inicial ordenanza de venta ambulante
Denunciamos que o goberno nos achegou a proposta ás 11 da mañá do día do pleno, sen tempo para comparar o texto final coa redacción que estivo en exposición pública. Para salvar o voto e poder presentar alegacións á ordenanza no caso de entender que sexa preciso, temos que votar en contra (se votasemos a favor ou abstención a lei impídenos alegar). Escoita o debate.

6-    Aprobación da conta xeral de 2016
Resumimos a conta como máis do mesmo: subvencións dadas sen procedemento, triplicado dos gastos en propaganda, cuadriplicado dos de protocolo, contratos fraccionados para evitar o concurso dándoos a dedo, gastos improductivos como festas, moi por riba do orzamentado (245 000 só nas festas de agosto, cun orzamento de 200 000, e 98 000 na feira franca cun orzamento de 70 000) fronte aos 13 000 investidos en patrimonio histórico, entre outros. Non avalamos esta forma de gastar e votamos en contra. Escoita o debate.

7-    Moción de BN sobre orzamentos participativos
Apoiamos a moción malia cuestionar que sexa o terceiro cambio que se propón desde que se nos impuxeron, por parte dos propoñentes, as bases dos orzamentos participativos. Censuramos que mentres un orzamento participativo se fai antes de aprobar e cunha lóxica de cooperación e consenso, aquí as forzas que pactaron ás agachadas o orzamento municipal reservaron as sobras para unha competición entre entidades e obrigando á veciñanza a poñer os seus datos na papeleta de maneira que se saiba que votou cada persoa. Escoita o debate.

8-    Moción de BN sobre conservación da fábrica da luz
Lembramos que apenas un mes antes presentamos unha pregunta idéntica á moción proposta e votamos a favor. Escoita o debate.

9-    Mocións do BNG sobre consumo responsábel e sobre situación do Servizo de Axuda no Fogar. 
Saíron aprobadas ambas por unanimidade. Escoita o debate aquí e aquí.

10-    Moción BeC sobre consumo responsábel de auga
Entendendo que a maior parte do consumo da traída, contra o que di a moción, non son precisamente consumos domésticos, apoiámola.

11-    Moción BeC sobre redución velocidade na AC840 nas Cascas
Apoiámola, porque temos presentado varias iniciativas sobre esta estrada no Parlamento.

12-    Moción do PP sobre melloras de deficiencias na praza Amador Cortés
Votamos a favor.

13-    Moción do PP sobre ceder un local no Edificio Arquivo aos taxistas
Abstémonos. Non discutimos que haxa que poñer maiores facilidades para este servizo público, mais discrepamos que haxa que habilitar un local no Edificio Arquivo, que ten as oficinas, dependencias e arquivos do Concello. 
 
14-    Moción unitaria sobre as emisións contaminantes de Betanzos HB
O día antes do pleno propuxemos unha moción institucional sobre a factoría de Infesta, para que o Concello demandase á Xunta contundencia diante dos verquidos e personar o Concello nas causas por presunto delicto ambiental que ten abertas a planta nos xulgados. O acordo da comisión era pulila ao longo da mañá do día seguinte se algo impedía consensuala. O día do pleno ás 15:15 o alcalde remitiu unha completamente distinta na que se descarga na Xunta controlar e sancionar as emisións. Finalmente, o alcalde evitou que se debatiran no Pleno.

15-    Preguntas
Presentamos as seguintes preguntas:

  • Segundo o artigo 168.4 do Texto Refundido da Lei de Facendas Locais os orzamentos das corporacións municipais teñen que ser remitidos ao Pleno antes do día 15 de outubro de cada ano. A eficacia dos orzamentos corresponderase có ano natural. Tendo en conta que estamos a día 28 de novembro e non temos noticia sequera de que se estea traballando na elaboración do orzamento para 2108. Cando pensa o goberno local traer ao Pleno a aprobación do orzamento para o vindeiro ano? Pensa de novo traer á aprobación o orzamento a metade de ano como ven facendo nos últimos 4 anos? A Lei que regula a aprobación dos orzamentos das entidades locais non é de aplicación no noso concello?
  • Segundo informa a CIG do Concello de Betanzos en decembro finaliza un contrato por acumulación de tarefas na Escola Infantil Municipal e o compromiso do goberno local era ter cuberto sempre ese posto baixo esa figura, por tanto deberían telo previsto. Descoñecemos cales son os plans do goberno local para manter cuberta esta praza. O persoal ten solicitados permisos para decembro e esperamos que, como sucedeu outros anos, non se lles neguen pola falta de previsión do goberno. A maiores ao persoal véñenselle modificando os horarios vulnerando así os dereitos do persoal xa que se modifican as condicións de traballo sen que conste en documento ningún. Pensa o goberno cubrir a partir de decembro esta praza? Como? Ten pensado o goberno local buscar unha solución aos problemas de persoal da escola infantil dunha vez por todas?
  • Ao lado da parada do autobús escolar  de Bellavista hai unha casa que corre perigo de caer, debido ás malas condicións en que se atopa. Ten unhas fendas por toda a fachada ten as fiestras abertas por onde se deposita todo tipo de lixo co problema de salubilidade que isto supón. O BNG xa trasladara esta situación ao Pleno sen que nos conste que se teñan levado a cabo ningunha acción para atallar o problema. Os pais e nais trasladáronnos de novo as súas queixas por esta situación. Ten o goberno local pensado actuar para garantir a seguridade dos nenos e nenas? Que pensa facer? Que prazos baralla para por solución a esta situación?
  • A estrada N VI diante das entradas aos institutos esta separada por unha liña continua. A pesar desta sinalización a policía local indica aos mestres, autobuses e usuarios que poden xirar para acceder aos centros de ensino aínda desde o carril contrario. Valora o goberno local solicitar ao Estado que pinte neste lugar unha liña descontinua?
  • Hai meses o goberno local realizou unha enquisa para coñecer a opinión da veciñanza sobre a mobilidade no Casco Histórico. Os resultados desta enquisa nunca se fixeron públicos e, a pesar de telos solicitado por escrito, tampouco se nos facilitaron. Porque se nos nega o acceso aos resultados desta consulta? Porque motivo non se fixeron públicos? Solicitamos que se nos entregue copia desta información por escrito. 
Resumo do pleno de 28 de novembro de 2017