O BNG lanza unha campaña de apoio ao comercio local coincidindo coa campaña de Nadal
O BNG persegue concienciar sobre formas alternativas de consumo responsábel que beneficiarían ao pequeno comercio e as persoas produtoras da nosa comarca.
Betanzos, 27 de decembro de 2014. O BNG presentou a campaña Apoia o comercio local, merca produtos galegos para apoiar o pequeno comercio. O comercio de proximidade é unha das mellores maneiras de xerar riqueza, de humanizar as cidades e impedir a desertización das nosas vilas explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Desde o BNG consideran que as medidas de liberalización comercial que aprobou o PP están provocando un grave desequilibrio no sector comercial ao permitir a expansión de grandes superficies que ameazan a supervivencia do comercio local. Por este motivo, os nacionalistas defenden que o Concello aposte por un modelo alternativo. Betanzos ten sobre o papel un centro comercial aberto, é moita hora de que o Concello se implique a fondo en desenvolver até o último detalle do seu plano estratéxico para garantir a pervivencia dun sector clave para a nosa cidade como é o comercio, explicou Del Río.
Ademais, o Bloque considera que o Concello debe facer un esforzo en facilitar circuítos curtos de consumo para os produtos agrarios. Permite garantir o máximo beneficio ás persoas produtoras e que a actividade agrícola, a súa transformación e comercialización sexa un elemento de creación de emprego e de dinamización económica explican. Xa propuxemos facer mercados con produtos de tempada, ecolóxicos ou de segunda man nas inmediacións da Pescadería, para crear sinerxias entre estes mercados, a praza de abastos e o comercio do Casco Histórico, engade o voceiro do BNG.
A artesanía e cultura galegas son tamén fonte de riqueza e oportunidade de emprego, aínda que o goberno local semella non decatarse, engaden desde o BNG. Por este motivo, propoñen que o Concello acolla tamén unha mostra de artesanía para poñer en valor o traballo dos artesáns da comarca.
O BNG leva tempo alertando sobre a imposición dun monopolio de consumo e de formas de vivir que nos empobrecen e atentan contra a nosa saúde explican desde a organización frontista. O comercio ten un importante papel como dinamizador dos centros das nosas vilas e cidades, que é sustentábel e significa unha aposta de futuro pola calidade, a innovación e a especialización engaden. E os ingresos que xera son reinvestidos na economía local, indica o edil do BNG.
Para dar a coñecer todas estas propostas os nacionalistas celebrarán actos públicos, encontros sectoriais e repartos informativos. O primeiro terá lugar o vindeiro martes, coincidindo co mercado tradicional de produtos agrarios e a Pescadería. Ademais o BNG solicitou unha xuntanza coa Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos, ACEBE, para achegarlles de primeira man o contido da campaña, recabar as súas propostas e colaborar coa entidade nas súas demandas.
A campaña do BNG extenderase tamén aos concellos da comarca. No caso de Miño é un tema moi importante porque na urbanización do Monte Piñeiro pretenden construir un centro comercial que vai ter unha importante repercusión negativa no comercio local en toda a comarca explican os nacionalistas.