O Pleno aprobou por unanimidade a proposta do BNG para aclarar a titularidade da pasarela de Infesta e solucionar os problemas que presenta
Salvador González: “O BNG apoia con esta iniciativa as reivindicacións da veciñanza de Infesta que reclama unha solución ao deterioro e os problemas de seguridade que presenta a pasarela elevada para atravesar a vía do tren”
Betanzos, 29 de setembro de 2023.- O Pleno aprobou por unanimidade a proposta do BNG para aclarar a titularidade da pasarela de Infesta e solucionar os problemas que presenta. “O BNG apoia con esta iniciativa as reivindicacións da veciñanza de Infesta que reclama unha solución ao deterioro e os problemas de seguridade que presenta a pasarela elevada para atravesar a vía do tren”, explicou o concelleiro do BNG, Salvador González.
“A pasarela de Infesta foi construída pola Xunta de Galiza en 1989, hai 34 anos, e sofre o deterioro propio dunha infraestrutura metálica destas características. No entanto, hai unha cuestión que impide que se efectúen melloras na mesma e é o descoñecemento da titularidade do paso”, indicou o concelleiro nacionalista.
“Xa o 17 de marzo de 2010, en resposta a unha pregunta presentada polo daquela deputado nacionalista Francisco Jorquera, a ADIF expresaba que o propietario desta infraestrutura era o mesmo que o propietario dos camiños que esta unía, é dicir, o Concello de Betanzos. Aínda así, o Concello ten indicado que a pasarela non figura no inventario de propiedades da institución, un feito que impide que se realicen melloras e labores de mantemento no paso elevado -como pasou coa mellora que se ía facer con fondos da Deputación da Coruña en 2018 e que nunca se desenvolveu”, engadiu Salvador González. “Porén, debemos lembrar que empregados municipais si realizaron labores de pintado e de mantemento nesta pasarela hai unhas décadas”.
“Ante o esperpento da situación, a pasarela continúa co seu deterioro. Cómpre mudar o pavimento por outro que evite a veciñanza escorregue no inverno e cómpre actuar sobre o ferro da estrutura ante o seu estado de deterioro”, concluíu o concelleiro do BNG. O pleno aprobou por unanimidade a proposta de aclarar a titularidade da pasarela elevada de Betanzos-Infesta e a incluíla no inventario de bens do noso termo municipal. Así como, estudar os problemas estruturais que presenta a día de hoxe a pasarela de Betanzos-Infesta e a solucionalos no menor prazo posíbel.