O BNG pide que se estabelezan bolsas municipais para a compra de material escolar e transporte
As nacionalistas propoñen que se recuperen as bolsas municipais para material escolar e transporte e que se abra unha liña de axudas para a matrícula do Conservatorio Municipal
Amelia Sánchez: “Solicitamos que se negocie coas empresas de transporte o estabelecemento de liñas específicas que leven o estudantado de Betanzos aos campus universitarios”
Betanzos, 30 de agosto de 2023.- O BNG pide que se establezan bolsas municipais para a compra de material escolar e transporte. “O fin do verán e a volta á escola por excelencia significa, na práctica, un gasto extra para as familias con fillos e fillas en calquera etapa educativa”, explicou Amelia Sánchez, voceira do BNG.
“Antes da pandemia da Covid-19 o Concello de Betanzos ofrecía á veciñanza unha liña de axudas para a adquisición de material escolar. Estas bolsas desapareceron, foron substituídas por outras axudas para a compra de equipos informáticos e novamente ficaron no baleiro”, engadiu Amelia Sánchez. “No BNG consideramos imprescindíbel que se retomen estas axudas, especialmente naquelas etapas de ensino non obrigatorio en que non existen outro tipo de bolsas para a adquisición de material e dado o incremento de prezos deste material”, indicou.
O BNG propuxo tamén ao goberno local a creación unha liña de bolsas de apoio ao transporte para o estudantado que se deba desprazar do noso concello para desenvolver a súa vida académica. “Solicitamos que se negocie coas empresas de transporte o estabelecemento de liñas específicas que leven o estudantado de Betanzos aos campus universitarios, como xa pedimos o anterior curso escolar”, informou Sánchez.
“Na mesma liña, solicitamos agora, como xa fixemos no pasado que se estabelezan bolsas de apoio para aqueles servizos complementarios da educación regrada que oferta o Concello de Betanzos. Referímonos ao Conservatorio Carlos García-Picos, en que só se ofrecen axudas económicas para as familias numerosas, sen ter en conta criterios de tipo económico”, concluíu a portavoz nacionalista.