O BNG pide melloras nas instalacións e nos usos dos locais sociais de Betanzos
Vanessa Rey: “ é necesario que se cree un calendario de usos dos locais sociais, indicando os ocos dispoñíbeis para que calquera persoa poida solicitalos, e que esas solicitudes se poidan realizar a través dun formulario dixital en tempo e forma”
Betanzos, 15 de setembro de 2023.- O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria co fin de que se regulamenten e se dinamicen os usos dos locais sociais dos barrios e das parroquias do concello.
Segundo a concelleira nacionalista, Vanessa Rey, “na maior parte das ocasións, estes locais sociais constitúen o único espazo de reunión que posúe a veciñanza das parroquias, polo que dinamizar o seu uso favorece a relación social”.
Así, no BNG solicitaron melloras de aspectos como o mantemento e a limpeza das instalacións, a eliminación das barreiras arquitectónicas e a instalación de elementos para a eficiencia enerxética dos locais. Asemade, pediron un programa de actividades para os locais sociais das parroquias con propostas como actividades para a dinamización da lectura, grupos teatrais e actividades para todos os sectores de idade.
No mesmo punto, a concelleira do BNG tamén solicitou que se cree un calendario de usos dos locais sociais, indicando os ocos dispoñíbeis para que calquera persoa poida solicitalos, e que esas solicitudes se poidan realizar a través dun formulario dixital en tempo e forma.
Por último, Vanessa Rey indicou que “é necesario favorecer a apertura dos locais sociais nun horario definido e estábel para o uso e goce de todas as veciñas. Tamén, nomear unha persoa funcionaria responsábel das chaves dos locais e que estea accesíbel para a veciñanza, velando polo bo uso dos locais municipais”.