O BNG insistiu no Pleno na necesidade de habilitar unha campa de varada para as embarcacións

Amelia Sánchez: “Xa en 2018 existía un proxecto en firme para crear esta infraestrutura, un proxecto que mesmo contaba con financiamento nese momento e que non chegou a ser executado por parte do goberno local do PSOE”

O BNG insistiu no Pleno na necesidade de habilitar unha campa de varada para as embarcacións

Betanzos, 4 de agosto de 2023.- O BNG volveu insistir no Pleno na necesidade de habilitar unha campa de varada para as embarcacións, unha demanda que fixo chegar ás nacionalistas a Asociación de Amigos de los Ríos de Betanzos (ARBE). A concelleira nacionalista Vanessa Rey lembrou que o tema “foi traído a pleno en numerosas ocasións, a última delas en febreiro de 2023, cando se intentou conseguir un compromiso en firme para avanzar na construción dunha campa de varada”.

Desde o BNG recordan como “logo desa sesión plenaria, na Xunta de Goberno Local de 14 de abril de 2023, acordouse solicitarlle á Demarcación de Costas a autorización para crear a zona de varada temporal de uso público gratuíto” mais sen ningún avance máis neste asunto.

“A día de hoxe, cando os barcos que navegan nas nosas augas están todos no río, sería un bo momento para iniciar todos os trámites que fosen necesarios para darlle impulso a esta cuestión e termos unha campa de varada o próximo inverno” apuntou Vanessa Rey. Por este motivo, urxiu ao goberno local a axilizar os trámites para contar coa campa de varada para o remate da tempada.

Neste sentido, a voceira do BNG, Amelia Sánchez, lembra que xa en 2018 existía un proxecto en firme para crear esta infraestrutura, un proxecto que mesmo contaba con financiamento nese momento e que non chegou a ser executado por parte do goberno local do PSOE. 

Reparar peiraos e retirar troncos afundidos do río

Na mesma liña, desde o BNG solicitaron traballos de mantemento nos peiraos de Mendo e Mandeo para asegurar elementos soltos e a instalación de máis escadas para acceder comodamente ás embarcacións. “Non se pode escatimar en medidas de seguridade para as persoas que utilizan os peiraos, reparar os peiraos e telos operativos, con servizos, é unha cuestión de vontade política” explica Sánchez.

Ademais, demandou ao goberno local que se dirixa a quen corresponda para retirar os troncos que, desde o pasado inverno, están sumerxidos baixo as augas do Mandeo e que supoñen un risco certo para piragüistas, embarcacións e calquera persoa que ande polo río. “Veñen por diante varias xornadas das festas centradas no río e manter eses elementos tan perigosos sería unha irresponsabilidade” conclúen desde o BNG.

O BNG insistiu no Pleno na necesidade de habilitar unha campa de varada para as embarcacións