Levaremos a Pleno a privatización do servizo de limpeza dos colexios
“O custo, segundo o orzamento en vigor, do persoal de limpeza dos centros escolares ao ano son 54824,21 euros, así que en ano e medio esta empresa vaise levar máis de tres veces o que cobra o persoal municipal polo mesmo traballo”
“O goberno local está incumprindo numerosos acordos plenarios que o PSOE respaldou, como non privatizar o servizo de limpeza, declarar prioritario este servizo e contratar persoal e cubrir baixas mediante listas de substitución ou ter criterios de contratación social”
“O custo, segundo o orzamento en vigor, do persoal de limpeza dos centros escolares ao ano son 54824,21 euros, así que en ano e medio esta empresa vaise levar máis de tres veces o que cobra o persoal municipal polo mesmo traballo”
“O goberno local está incumprindo numerosos acordos plenarios que o PSOE respaldou, como non privatizar o servizo de limpeza, declarar prioritario este servizo e contratar persoal e cubrir baixas mediante listas de substitución ou ter criterios de contratación social”
Betanzos, 16 de marzo de 2018. O BNG cuestionou que o goberno local privatice a limpeza do colexio público e o conservatorio e a escola infantil municipais. As nacionalistas denuncian que “o goberno local se gabara antonte nun comunicado de prensa do ben que nos vai saír esta nova privatización ás veciñas, poñéndoo á altura das bolsas de estudos”.
Segundo as nacionalistas, o contrato cifra o custo do servizo en máis de 218 000 euros para 18 meses de duración. “O custo, segundo o orzamento en vigor, do persoal de limpeza dos centros escolares ao ano son 54824,21 euros, así que en ano e medio esta empresa vaise levar máis de tres veces o que cobra o persoal municipal polo mesmo traballo”, denuncia o voceiro do BNG, Henrique del Río.
“Con este acordo, o goberno local está incumprindo numerosos acordos plenarios que o PSOE respaldou, como non privatizar o servizo de limpeza, declarar prioritario este servizo e contratar persoal e cubrir baixas mediante listas de substitución ou ter criterios de contratación social”, denuncia o edil do BNG. “O PSOE apoiou todos e cada un destes acordos sabendo que non ía cumprir ningún deles”, engade. “É tal o seu cinismo que no seu programa electoral di unha cousa completamente contraria a isto e a diario vemos como no Parlamento o PSOE critica que a Xunta privatice servizos, mais en Betanzos faino”, relata.
O edil do BNG explica que, ademais, o goberno local non informou desta decisión en ningunha comisión nin na xunta de voceiros. “De feito, até nos dan as actas da xunta de goberno con mes e medio de retraso de maneira que non poidamos enterarnos do que deciden”, puntualiza. “Polo que sabemos, o persoal tampouco foi informado e tivemos todas que nos enterar pola prensa”, reproba.
Desde o BNG advirten que, ademais, resulta máis caro contratar a empresa privada que prestar o servizo coas traballadoras municipais. “O goberno local pretende pagar 214 020 euros por 18 meses de limpeza, cando as catro traballadoras que figuran no orzamento cobrarían, por ese mesmo tempo, 82236,315€”. “É dicir, con eses cartos poderían contratar tres veces o persoal que hai actualmente, pero o PSOE non quere”, explica.
O PSOE privatiza porque quere, porque contrata un patrón sen fondos nin praza
“O goberno local opta pola privatización porque quere, porque para contratar un patrón para a lancha municipal non hai problema en contratar persoal, aínda cando non está previsto no cadro de persoal nin hai fondos no orzamento para facelo”, explica Del Río. “Aí nin é problema a lexislación do PP nin a falta de cartos, saltan por riba de todo”, salienta. “O PSOE antepón as festas, os gastos suntuarios e ir de paseo polo río a servizos básicos como a limpeza, resulta evidente comparando ambos contratos”, engade.
As consecuencias dun orzamento privatizador
“Nós xa advertimos que o orzamento de 2017, aínda vixente, era un orzamento privatizador cando o presentaron ao Pleno tras negocialo en segredo con algúns dos grupos da Corporación”, recorda Del Río. “E presentamos emendas para impedir precisamente cousas como esta, tentando limitar a marxe de manobra do alcalde para modificar as contas sen pasar polo Pleno”, engade. “E non tivemos apoio de ningún outro grupo para tomar medidas para evitar este tipo de condutas que o goberno repite unha vez tras outra”, relata.
“É escandaloso e obviamente imos levalo ao Pleno”
O voceiro do BNG asegura que a decisión do goberno local resulta “escandalosa” por varios motivos. “Porque nos custa máis limpar así que con medios municipais, porque o PSOE fai isto en contra dos acordos que apoiou no Pleno e porque isto pode ter consecuencias para o propio persoal municipal que actualmente ten encomendada a limpeza destes edificios que podemos acabar pagando todas as veciñas”, relata.
“Obviamente imos levalo ao Pleno para que o goberno local asuma as súas responsabilidades e pare este despropósito agora que aínda está a tempo”, relata.