O BNG reclama que o goberno local garanta a limpeza do Vales Villamarín
O PSOE, como en tantas outras cousas, adopta o discurso e formas da dereita: rebaixar a calidade do servizo público para situar ao persoal municipal como a causa dos problemas e xustificar así diante da veciñanza a privatización do servizo.
Betanzos, 26 de abril de 2013. O BNG reclamará no Pleno ao goberno local do PSOE que cubra as baixas do persoal do servizo de limpeza do colexio Vales Villamarín. O servizo de limpeza do colexio Vales Villamarín corre a cargo do Concello de Betanzos, explicou o voceiro nacionalista Henrique del Río, máis semella que o goberno local do PSOE ten unha concepción diferente sobre a limpeza dun espazo onde nenos e nenas comparten espazos de aprendizaxe e tamén de lecer, ironizou.
Só tres persoas asumen estas tarefas de limpeza, informou Del Río. cada vez que algunha delas se ve obrigada a solicitar unha baixa laboral convértese nunha carga de traballo para as demais traballadoras e nunha baixa na calidade do servizo de limpeza que deriva, á súa vez, no malestar da comunidade educativa, criticou, todo isto por non organizar o servizo de acordo coas necesidades reais e cubrir temporalmente as baixas.
Estas son as consecuencias da lamentábel política de persoal do goberno local, indicou o voceiro do BNG, que ademais informou de que o goberno local segue sen conceder ás súas traballadoras a conciliación de horarios que lles corresponde por Lei para compatibilizar vida familiar e laboral, entre elas a dúas traballadoras deste servizo de limpeza.
Os nacionalistas exixirán no Pleno que se substitúa as baixas do persoal do Concello neste caso concreto así como as do demais persoal do concello en todos os casos en que a lei o permita. Parécenos escandaloso que con informes favorábeis e podendo contratar persoal o goberno local se negue a facelo, como é o caso dunha praza de policía local que contaba con todos os informes a favor pero que o goberno se negou a cubrir mentres ten ao persoal da policia facendo quendas de noite dunha soa persoa, criticou Del Río.
O PSOE, como en tantas outras cousas, adopta o discurso e formas da dereita: rebaixar a calidade do servizo público para situar ao persoal municipal como a causa dos problemas e xustificar así diante da veciñanza a privatización do servizo, concluíu.