O BNG-Asembleas abertas reclamará de novo no Pleno frear a privatización do servizo de limpeza
Del Río: "Sumámonos á denuncia da CIG polo despedimento da traballadora con sentenza de despedimento improcedente, xa que o Concello podía optar pola readmisión en lugar de incidir na privatización do servizo".
Betanzos, 29 de decembro de 2015. O BNG-Asembleas abertas lamentou hoxe a noticia do despedimento da traballadora do servizo de limpeza con sentenza de despedimento improcedente e no que o Concello podía optar pola readmisión ou a indemnización. Seguiremos defendendo os servizos públicos no noso Concello fronte á privatización que está levando a cabo o goberno local do PSOE, explicou o voceiro do BNG-Asembleas abertas, Henrique del Río.
No mes de xullo o Pleno do Concello acordou cubrir as baixas no servizo de limpeza con empregadas públicas e non privatizando o servizo, mais parece que o goberno local non ten o menor respecto pola posición do Pleno do Concello, indicou Del Río.
Os nacionalistas comprometéronse a volver a trasladar o tema ao Pleno para esixir, de novo, que se paralice a privatización dos servizos. Os servizos públicos son máis eficientes e máis baratos, as privatizacións só benefician ás empresas concesionarias non ao interese xeral por iso desde o BNG-Asembleas abertas defendemos que se manteñan uns servizos públicos de calidade e se cese neste afán privatizador, explicou Del Río.
Ocultación da documentación do contrato de privatización
Ademais, levamos máis de 5 meses reclamando a documentación sobre este contrato, que segundo a lei tiñamos que ter en 5 días, e non tivemos acceso aínda a información, censurou o voceiro nacionalista, os veciños e veciñas temos dereito a saber cómo se contratou esta empresa, a duración e a contía do contrato xa que o imos pagar con cartos de todos e todas.
No departamento de contratación do Concello afirman que non teñen ningunha información sobre o tema, porén hai unha empresa levando a cabo servizos de limpeza tanto en edificios administrativos como no Vales Villamarín, non sabemos cal nin con que contrato, concluíu.