Privatización de servizos públicos. Fin da festa?
"Dá igual que falemos das grandes contratas, poñamos por caso, da limpeza dun hospital, que dos pequenos encargos de amañar os xardíns no noso Concello. O problema é que en paralelo ás peores condicións para os empregados chega o empeoramento do servizo, porque a empresa só mira de tirar beneficios a toda costa. E cantos máis mellor".
Betanzos, 8 de agosto de 2013. O xornal 'Betanzos e a súa comarca', que edita ACEBE-CCA, recolle nas súas páxinas deste mes un artigo do grupo municipal do BNG sobre a privatización dos servizos públicos coa excusa da crise económica. Polo seu interese reproducímolo íntegro a continuación.
Privatización de servizos públicos. Fin da festa?
A crise está a ser a tormenta perfecta para que a banca tome ao asalto o que se viña chamando estado do benestar, desde as pensións até a sanidade ou o ensino público. Os lacaios dos grandes intereses empresariais, o PSOE e o PP, cambian segundo a comenencia das corporacións privadas a lexislación para servirlles en bandexa os servizos públicos.
O resultado é terríbel para a maioría social. Ao despedimento das persoas que traballaban nestes servizos públicos- coa repercusión que isto ten no comercio e no consumo- hai que lle sumar o empeoramento das condicións de traballo que sofren quen traballan para estas compañías privadas: xornadas máis longas, peores condicións laborais, menores salarios. A crise como excusa, o medo ao despedimento como mordaza e a alta taxa de desemprego como garante de man de obra barata para estas empresas.
E dá igual que falemos das grandes contratas, poñamos por caso, da limpeza dun hospital, que dos pequenos encargos de amañar os xardíns no noso Concello. O problema é que en paralelo ás peores condicións para os empregados chega o empeoramento do servizo, porque a empresa só mira de tirar beneficios a toda costa. E cantos máis mellor.
Este mes puidemos ver o conflito laboral dos bombeiros do parque comarcal de Betanzos, e o resto dos que xestiona a mesma empresa privada. Salarios mileuristas e grupos de intervención de 3 persoas- cando os estándares europeos exixen 5- son o servizo que temos para a nosa seguridade. Mentres seguimos pagando o mesmo polo servizo, a empresa empeórao para aumentar os seus beneficios, a costa da seguridade dos bombeiros e, por suposto, de toda a poboación á que teñen que atender.
E mentres isto acontece, a Deputación, que paga o servizo e foi quen o privatizou, desenténdese. Para o PP, que goberna a Deputación, é un simple conflito laboral, cando realmente afecta á seguridade da poboación.
É un caso grave, porque afecta directamente á seguridade de toda a nosa comarca. Mais non é o único caso: pais e nais comprobaron como a privatización da escola infantil galiña azul trouxo peores condicións laborais para as docentes, provocando conflitos e empeorando o servizo, como advertimos no seu día desde o BNG. E mentres, o goberno local do PSOE contrata a dedo a quen lle peta para amañar xardíns, rúas ou o que lle cadre, cando o Concello ten operarios suficientes para estes traballos. E deixa sen cubrir as prazas baleiras de policía ou limpeza, empeorando servizos que precisamos a diario.
Non é casual. Parafraseando a Clinton "é o neoliberalismo, meu". Fin da cita. E fin da festa!