O BNG oponse a privatizar servizos municipais
Parece que o goberno local está desatendendo as súas obrigas na limpeza viaria e no mantemento das zonas axardinadas para xustificar socialmente esta privatización.
Betanzos, 7 de xuño de 2012. O BNG transmitiu esta tarde aos representantes dos traballadores laborais do Concello as súas propostas en materia de persoal para os orzamentos. O goberno do PSOE propón levar adiante un plan de emprego que elimina postos de traballo para para substituílos por outros cubertos co mesmo persoal que os postos eliminados. Este proceder colisiona cos principios legais de acceso á función pública e provisión de vacantes na Administración Pública, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
A través deste plan de emprego, o goberno do PSOE pretende levar adiante unha amortización de prazas, que se ben é certo que neste momento están vacantes, polo que nos manifestou o propio goberno local e que ten reflexo no Capítulo 2 da súa proposta de orzamento teñen pensado contratar este servizo (limpeza viaria e xardinaría) á empresa privada, advirte o voceiro nacionalista.
O BNG, en coherencia coa postura que sempre manifestamos sobre este tema, está en contra de que se privaticen os servizos públicos e polo tanto non podemos apoiar este punto, asegura. Non se pode criticar a privatización de servizos que fai a Xunta do PP e ao mismo tempo promovela alí onde se goberna, advirten desde o BNG ao PSOE.
A empresa privada vai buscar o seu beneficio, como é lóxico, o que vai repercutir negativamente na calidade do servizo, entenden os nacionalistas. Parece que o goberno local está desatendendo as súas obrigas na limpeza viaria e no mantemento das zonas axardinadas para xustificar socialmente esta privatización, ironiza Del Río, que asegura que as deficiencias nestes servizos son unha das grandes queixas dos veciños e veciñas.
O BNG opúxose á reforma da Constitución e ao decreto que impide a contratación de persoal nas Administracións Públicas porque nos temiamos que ía ter estas consecuencias, indica o voceiro nacionalista, que asegura que o que non pode ser é que o mesmo PSOE que promoveu esas medidas aínda non fai un ano desde o goberno central laie agora por iso, porque as defenderon.