Henrique del Río escribe sobre o paseo que PSOE e PP pretenden construír pola Cañota e San Xiao

Henrique del Río escribe sobre o paseo que PSOE e PP pretenden construír pola Cañota e San Xiao

Pola marxe esquerda a carón do Mandeo é onde pretenden facer o desmonte para o camiño

"Vendo como se mantivo a ponte de madeira (que houbo que cambiala porque se deixou apodrecer), vendo a balaustrada de madeira do porto ou os hórreos da Galera está visto que non se pensa manter. Serán, polo tanto, cartos tirados".

Betanzos, 11 de setembro de 2014. O portavoz municipal, Henrique del Río, escribe un artigo de opinión sobre o proxecto de paseo á beira do Mandeo que PSOE e PP defenden. No artigo, que foi publicado no xornal 'Betanzos e a súa comarca' que edita ACEBE-CCA, repasa o impacto ambiental da obra e o improtante custo que terá. Polo seu interese, pódelo ler a continuación de xeito íntegro.

 

Paseos, ecoloxía e dispendios

 

Un paseo á beira do Mandeo entre as Monxas e San Xiao é a última ocorrencia do goberno do PSOE. A idea, en si, non é mala. O malo é o proxecto que pretenden sacar adiante contando co financiamento da Deputación. PSOE e PP puxéronse de acordo no último Pleno para estragar 543 000 euros nun paseo que supoñerá colocar tuberías de PVC na beira do río, botar zapatas de medio metro cúbico ao río para clavar piares e facer pasar unha pasarela flotante de madeira pola traseira da xunqueira de San Xiao, o único anaco aínda virxe do Mandeo. Entre outras ocorrencias.

 

Consideramos moito mais importante restaurar o Casco Histórico ou manter O Pasatempo en boas condicións que realizar un investimento de 600 000 euros nun tramo de camiño a carón do Mandeo

 

No momento que vivimos cremos que hai necesidades moito máis urxentes para os nosos veciños e veciñas onde investir preto de 600 000 euros. A broma sae en case 200 000 euros por cada quilómetro deste camiño, que non nos parece prioritario. Mesmo desde o punto de vista turístico consideramos moito mais importante restaurar o Casco Histórico ou manter O Pasatempo en boas condicións que realizar un investimento de 600 000 euros nun tramo de camiño a carón do Mandeo. A prioridade debera ser manter o que temos e que nos fai distintos do resto de vilas do País e non construir un paseo fluvial coma os centos que xa hai.

O proxecto segundo ven redactado vai ter un altísimo impacto no medio e vai destruir un dos poucos tramos virxes do rio Mandeo. Xa hai suficiente rio canalizado e con construcións mesmo de edificios ao seu carón. Pensamos que é prioritario manter o noso ecosistema natural e nese sentido facer desmontes e zapatas de formigón xusto a carón do río entendemos que é unha barbaridade. Convén lembrar que o Mandeo é parte da Rede Natura e da propia reserva da Biosfera polo seu especial valor medioambiental.

 

 

 

É prioritario manter o noso ecosistema natural e nese sentido facer desmontes e zapatas de formigón xusto a carón do río entendemos que é unha barbaridade

 

 

 

O proxecto non contempla eliminar a flora invasora

E ademais está o problema do mantemento desta obra se sae adiante tal e como a proxecta o PSOE: quen vai facer o mantemento dunha pasarela flotante de madeira que vai pasar por enriba do carrizal de San Xiao? Vendo como se mantivo a ponte de madeira (que houbo que cambiala porque se deixou apodrecer), vendo a balaustrada de madeira do porto ou os hórreos da Galera está visto que non se pensa manter. Serán, polo tanto, cartos tirados.

Todo isto é un problema derivado de como PSOE e PP conciben o mundo: ven o medio como algo ao servizo da humanidade, algo que nos pertence. Cando en realidade o ser humano é só parte deste mundo, pero non o dono. A conclusión é que van destruíndo cacho a cacho o medio até que nada quede. Cando o carrizal de San Xiao e o monte dos Ánxeles estean cheos de lixo, plásticos, botellas e demais, que será o próximo? Outro camiño igual polas xunqueiras da ría? Non é sostíbel.

No BNG consideramos que é inmoral tirar deste xeito os cartos públicos, sobre todo habendo cousas máis importantes en que investilos. Porque, como dixo un xefe indio americano, “só despo¡s de que a última árbore sexa cortada, só despois que o último río sexa envelenado,só despois que o último peixe sexa atrapado, só entón decatarémonos de que non nos podemos comer os cartos”.

Henrique del Río escribe sobre o paseo que PSOE e PP pretenden construír pola Cañota e San Xiao