O BNG reclamará no Congreso unha solución ás inundacións na Ribeira
Os nacionalistas censuran a PP e PSOE as súas promesas incumpridas con respecto ao barrio da Ribeira.
Betanzos, 9 de setembro de 2014. O BNG levará ao Congreso dos Deputados o desbordamento estes días do Mandeo no barrio da Ribeira. Os nacionalistas preguntarán que foi de todos os compromisos anunciados en distintas campañas electorais polo PP sobre este problema que continúa lonxe de ter solución.
PSOE e PP utilizan as inundacións da Ribeira para atacarse mutuamente pero esta noite volverán inundarse as casas sen que fixesen nada afirmou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Como cada vez que hai mareas vivas as rúas da ribeira están inundadas. Os nacionalistas censuran a PP e PSOE as súas promesas incumpridas con respecto ao barrio da Ribeira.
O PP comprometeu en maio de 2011, na campaña das eleccións municipais, unha macroinversión da Xunta que non aparece por ningún lado. Neste sentido o concelleiro nacionalista recordou que tanto o PSOE coma o PP levan anos anunciando, en vésperas de eleccións, proxectos que non teñen ningunha base real.
En maio de 2011 o PP anunciou que a Xunta comprometía 3 millóns de euros para minimizar os efectos das mareas na Ribeira. Ao mesmo tempo o candidato do PSOE, reivindicaba un proxecto faraónico do ano 2007, que nunca tivo tampouco reflexo orzamentario. PSOE e PP utilizan as inundacións da Ribeira para atacarse mutuamente pero esta noite volveron inundarse as casas sen que fixesen nada, reprochou o edil nacionalista.
O BNG, pola contra, presentou unha alegación aos últimos orzamentos do Estado solicitando unha partida de 1 millón de euros, para rexenerar a ría, o que contribuiría a paliar esta situación. Nin PSOE nin PP apoiaron esta enmenda.
As emendas do BNG aos orzamentos do Estado súmanse á moción que os nacionalistas presentaron no Concello de Betanzos para reclamar ao PP que cumpra o seu compromiso cos veciños e veciñas da Ribeira. O PP comprometera un investimento de 3 millóns de euros que as contas da Xunta e o Estado non recolleron até a data denuncia Del Río. Por este motivo, segundo explica Del Río o Concello acordou reclamar a Xunta e Estado que inclúan nos seus orzamentos cartos para esta actuación que prometeron e non cumpriron.
O voceiro do BNG recordou que segundo PSOE e PP, técnicos de consellerías e ministerios aseguran que a situación na Ribeira é revertíbel e que, polo tanto, a actuación tantas veces prometida pode mitigar os efectos do desbordamento do Mandeo, que os nacionalistas vencellan máis á situación en que se atopan a ría e os ríos e mais os sucesivos recheos practicados.
O BNG lamentou que PSOE e PP teñen utilizado este asunto recorrentemente nas sucesivas campañas electorais, defendendo ou esquecendo esta problemática en función do goberno de turno en Madrid e que con estes anuncios que nunca se cumpren se están creando falsas expectativas á veciñanza.