Denunciamos unha tala no trazado do paseo do Mandeo, nos Ánxeles
“O alcalde di que ten todos os informes favorábeis para contratar unha obra no concello do lado… pois que nolos dea, que leva quince días impedíndonos acceder ao expediente de contratación desde que o solicitamos por escrito”,
“O alcalde di que ten todos os informes favorábeis para contratar unha obra no concello do lado… pois que nolos dea, que leva quince días impedíndonos acceder ao expediente de contratación desde que o solicitamos por escrito”,
Betanzos, 13 de xaneiro de 2017. O BNG denunciou que o goberno local ordenou unha tala á beira do Mandeo no lugar dos Ánxeles. Nos primeiros días de xaneiro, como varias veciñas trasladaron, operarios do servizo municipal de emerxencias botaron abaixo varias tullas e salgueiros que medraban á beira do río, na zona de proteción da Rede Natura.
O BNG pediu copia dos permisos concedidos por Medio Ambiente ou Augas para proceder á tala destas árbores. “Sospeitamos que non hai nada, e de aí o secretismo”, explican as nacionalistas, que indican que eran árbores sanas, até o extremo que no verán varias embarcacións amarraban a elas antes de zarpar cara Os Caneiros.
“O que máis nos chama a atención é que a tala destas tullas está dentro do proxecto e orzamento do paseo que o goberno local quere construír na zona”, explica Henrique del Río. “Se finalmente o constrúen, as veciñas imos pagarlle a unha empresa por uns traballos que, sen motivo, xa fixeron operarios municipais”, relata.
“Se o alcalde ten todos os informes, que nolos dea, que leva quince días escondéndonolos”
O voceiro municipal do BNG saíu ao paso das declaracións do alcalde tras facer público o recurso contra a decisión da xunta de goberno betanceira de contratar unha obra no veciño término municipal de Coirós. “O alcalde di que ten todos os informes favorábeis para contratar unha obra no concello do lado… pois que nolos dea, que leva quince días impedíndonos acceder ao expediente de contratación desde que o solicitamos por escrito”, explica Del Río. “Se todo está perfectamente, como di, non sei a que ven impedir que vexamos os papeis”, conclúe.
O BNG insistiu en que investir case 600 000 euros nun paseo á beira do río non é prioritario e que o proxecto que o goberno do PSOE pretende contratar inclúe elementos cun impacto moi elevado no medio, como desmontes, escolleras, farolas, un ramal dos sumidoiros dentro da liña da marea ou unha pasarela pilotada dentro da Rede Natura e da propia reserva da Biosfera polo seu especial valor medioambiental.
"Endendemos que este investimento sería moito máis útil a Betanzos destinado ao Pasatempo ou o Casco Histórico, mais se o goberno local turra con facer o paseo a toda costa, cando menos que non sexa acabando cun dos poucos recunchos virxes do Mandeo", indica Del Río, que volve demandar ao goberno local que pare a licitación e modifique o proxecto na liña do que nove entidades culturais e ambientais da comarca suxiren.