O BNG reclama que se someta a impacto ambiental o paseo do Mandeo
Desde o BNG consideran ademais que o proxecto segundo ven redactado vai ter un altísimo impacto no medio e vai destruír un dos poucos tramos virxes do rio Mandeo
É un camiño que nos parece que non é prioritario. No momento que vivimos hai necesidades moito máis urxentes para os nosos veciños e veciñas onde investir preto de 600 000 euros. Case 200 000 euros por cada quilómetro deste camiño
Betanzos, 4 de decembro de 2014. O BNG preguntou no Pleno polos trámites que ten que seguir o proxecto do paseo entre A Cañota e Os Caneiros que pretenden construír o goberno local e a Deputación. O Pleno aprobou en agosto, co voto en contra do BNG, pedir máis de medio millón de euros á Deputación para este paseo fluvial que, segundo denunciou o BNG, terá un forte impacto ambiental.Cando revisamos a documentación deste asunto, os técnicos municipais explicáronnos que tras esta aprobación inicial do Pleno habería que recabar informes de todas as administracións afectadas e pasar tamén un trámite de exposición pública e alegacións, recordou no Pleno o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río.
Segundo os técnicos que redactaron proxecto, o documento contén importantes variacións con respecto ao proxecto que ía ser incluído no Proxecto Mandeo e financiado con fondos FEDER, relatou o edil nacionalista. Para este primeiro proxecto que non se chegou a levar adiante, recorda evitouse a avaliación de impacto ambiental ao aprobar darlle trámite de urxencia coa escusa de non perder os fondos europeos.A urxencia desapareceu porque o proxecto non se levou á realidade e agora hai outro proxecto diferente que supoñemos que terá que expoñerse a veciñanza e pasar o trámite de avaliación ambiental, indican desde o BNG.
Por este motivo, os nacionalistas pediron ao goberno local que informe en que fase se atopa este proxecto e por que non se levou a exposición pública. Polos medios de comunicación sabemos que onte Concello e Deputación asinaron o convenio para destinar medio millón de euros a esta obra, mais como calquera proxecto nun espazo natural protexido terá que seguir unha tramitación que garanta que o medio non sae prexudicado con esta actuación, insiste Del Río.
Neste sentido, os nacionalistas pediron ao goberno do PSOE que aclare se solicitaron xa a avaliación de impacto ambiental para unha obra que inclúe escolleras de 200 metros ou zapatas de formigón de medio metro cúbico e desmontes e escavacións dentro da liña da preamar. En caso negativo, a que agardan para facelo ou en base a que pretenden evitalo?, preguntou o voceiro nacionalista.
No momento que vivimos hai necesidades moito máis urxentes para os nosos veciños e veciñas onde investir preto de 600 000 euros
Desde o BNG consideran ademais que o proxecto segundo ven redactado vai ter un altísimo impacto no medio e vai destruír un dos poucos tramos virxes do rio Mandeo. Xa hai suficiente río canalizado e con construcións mesmo de edificios ao seu carón. Pensamos que é prioritario manter o noso ecosistema natural e nese sentido facer desmontes e zapatas de formigón xusto a carón do Río entendemos que é unha barbaridade, criticou Del Río. O voceiro nacionalista recordou que este tramo e parte da Rede Natura e da propia reserva da Biosfera polo seu especial valor medioambiental.
É un camiño que nos parece que non é prioritario. Mesmo desde o punto de vista turístico consideramos moito mais importante restaurar o Casco Histórico ou manter O Pasatempo en boas condicións que realizar un investimento de 600 000 euros nun tramo de camiño a carón do Mandeo, indicou Del Río, a prioridade debera ser manter o que temos e que nos fai distintos do resto de vilas do País e non construir un paseo fluvial coma os centos que xa hai.
Ademais, desde o BNG insisten en que pensamos que no momento que vivimos hai necesidades moito máis urxentes para os nosos veciños e veciñas onde investir preto de 600 000 euros. Case 200 000 euros por cada quilómetro deste camiño.
Acto público para explicar o proxecto e as súas consecuencias
Como o goberno local do PSOE non explica á veciñanza que pretende facer con case 600 000 euros á beira do río, teremos que facelo nós, asegurou o voceiro nacionalista. Por este motivo, o BNG, en colaboración con outras plataformas e entidades ecoloxistas e de defensa do medio, organiza unha mesa redonda para expoñer o proxecto e explicar a súa incidencia ambiental. Será o día 10 de decembro desde as 20:30 h no Salón Azul do Liceo.