O BNG insistiu en reclamar que o proxecto do Mandeo se someta a información pública como exixe a lei
Del Río: Se non hai problema ningún coa afectación que este paseo fluvial vai ter sobre o Mandeo fágano publico. A que ven escondelo? Permitan que a xente coñeza o proxecto, non a propaganda que fan del.
Coinciden no diagnostico 8 entidades sociais da nosa comarca, pero o goberno local en lugar de admitir as críticas sigue sen ser capaz de escoitar nin chegar a acordos con ninguén como leva facendo toda a lexislatura.
Betanzos, 23 de xaneiro de 2015. O BNG insistiu hoxe en reclamar ao goberno local que cumpra a directiva europea sobre ambiente que exixe que todos os proxectos que poidan afectar á rede Natura, como é o caso, se sometan a información pública. É indignante como pretenden malgastar cartos de toda a veciñanza nun proxecto que vai ter graves consecuencias no Mandeo e aínda encima se negan a deixar que os veciños e veciñas opinen sobre se están de acordo ou non, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río.
Se non hai problema ningún coa afectación que este paseo fluvial vai ter sobre o Mandeo fágano publico. A que ven escondelo? Permitan que a xente coñeza o proxecto, non a propaganda que del fan, e que opine alegando, reclamou o voceiro nacionalista Henrique del Río, que acusou ao goberno local do PSOE de intentar matar ao mensaxeiro, para evitar que a veciñanza saiba como gastan os cartos de todos e todas.
O voceiro nacionalista insistiu en que o goberno local de Betanzos non dixo toda a verdade á Xunta na carta que lle enviou para saber se era necesario someter o proxecto a impacto ambiental. É un proxecto novo, substancialmente diferente que o aprobado pola Deputación dentro do Plan Mandeo que, por certo, tampouco fora sometido a avaliación ambiental, explicou del Río, quen reclamou de novo ao alcalde que faga públicos os dous proxectos e que a xente opine se é igual ou non.
Textualmente na carta enviada á Xunta o Alcalde de Betanzos di o seguinte: Las variaciones con respecto al proyecto de agosto de 2010 se refieren a la tipología de la senda en el sub-tramo de bosque perteneciente al tramo 1, localizado aguas arriba de la Fuente de los Ángeles y a la ejecución de una serie de mejoras en la red de saneamiento existente en el sub-tramo urbano del núcleo de Betanzos, también perteneciente al tramo 1. É dicir, cambios mínimos no primeiro treito do paseo e amaños nunha rede de saneamento inexistente cando en realidade hai diferenzas de calado entre o vello proxecto da Deputación e o novo proxecto do goberno local do PSOE, explicou Del Río, quen preguntou se é dicir a verdade falar de amaños nunha rede de saneamento no subtramo 1 do Paseo cando esa zona non ten saneamento.
O goberno local parece que quere facer parva á veciñanza dicindo cousas como que o Carrizal de San Xiao non se verá afectado cando o proxecto delimita o trazado pola parte de atrás da Xunqueira cunha pasarela de madeira, indicou del Río. Coinciden no diagnostico 8 entidades sociais da nosa comarca, pero o goberno local en lugar de admitir as críticas sigue sen ser capaz de escoitar nin chegar a acordos con ninguén como leva facendo toda a lexislatura. Non sabemos cal é o motivo polo que o PSOE ten tanto interese neste paseo, que xa intentou levar adiante por todos os medios desde o goberno da Deputación, sería bo que o explicaran á veciñanza, indicou o voceiro nacionalista.
Reclamamos o mesmo para a proposta de PXOM do PSOE, fágano publico e que a xente opine. Que medo hai en que os veciños saiban o que quere facer o goberno con cartos públicos?, cuestionou o voceiro do BNG, que acusou ao PSOE de cargar contra o BNG por facer públicos os seus plans. O BNG non ten necesidade de mentir: opina sobre a documentación que lle achega o goberno local e informa á veciñanza porque actúa lealmente coa veciñanza. Outros non poden dicir o mesmo, engadiu Del Río, a mentira ven sendo unha constante do goberno neste mandato, a mentira e a ocultación, sobran exemplos como a readmisión dos traballadores do GRUMIR, a gasolineira da Madalena, a antena de telefonía móbil de Viraventos, a ORA ou o hotel San Roque.