O BNG reclama no Parlamento a paralización do paseo entre As Monxas e Os Caneiros
O goberno municipal de Betanzos non someteu o proxecto ao trámite de información pública, violando así o dereito da veciñanza a presentar alegacións.
Betanzos, 13 de xaneiro de 2015. O BNG demandou no Parlamento de Galiza a paralización do proxecto de senda peonil á beira do río Mandeo entre o peirao das Monxas e o campo dos Caneiros, polo seu grave impacto medioambiental. Ana Pontón e Francisco Jorquera, parlamentares nacionalistas, advirten que o proxecto foi aprobado pola Deputación e o Concello de Betanzos.
O proxecto contempla a instalación dunha pasarela pilotada polo monte da fonte dos Ánxeles se ben non está mesmamente dentro da Rede Natura por ficar fóra do deslinde, supón un movemento de terras en solo rústico que sen dúbida terá impacto no medio e dentro da zona incluída na Rede Natura, explican os nacionalistas nas súa iniciativa. Neste mesmo sentido, advirten tamén de que a pasarela pilotada pola parte traseira do carrizal de San Xiao terá un impacto letal para a escribenta das canaveiras, un ave en perigo de extinción que ten unha zona de expansión nesta zona segundo o plan de protección aprobado pola Xunta.
O proxecto contempla a construción dun tramo de escolleira mesmo no cauce do río Mandeo, dentro da auga do río no lugar do Regueiro, no Concello de Coirós advirten na súa batería de iniciativas o deputado e deputada do BNG. Para todas estas actuacións que terán unhas gravísimas consecuencias ambientais no Río Mandeo o Concello de Betanzos non someteu o proxecto ao trámite de información pública, violando así o dereito da veciñanza a presentar alegacións, nin solicitou informes a augas de Galiza nin a ningún dos departamentos da Xunta directamente afectados, segundo denunciaron os nacionalistas.
Os parlamentares nacionalistas insisten en advertir ao goberno galego que esta senda discorrerá en boa parte do seu trazado por dentro da liña de deslinde do propio río Mandeo e, polo tanto, no terreo protexido dentro da Rede Natura 2000 atravesando na súa totalidade por un espazo natural contemplado como zona núcleo na Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
Segundo respondeu o goberno local de Betanzos en sesión plenaria a unha pregunta do BNG, o goberno galego tería informado que non é necesaria a avaliación ambiental para construír este paseo fluvial a carón do río, explican Pontón e Jorquera. É certo que o Goberno galego informou ao Concello de Betanzos de que non é necesaria a avaliación ambiental para construír este paseo fluvial a carón do río? interpelan ao goberno galego.
Por todo isto, o BNG presentou unha Proposición Non de Lei e varias preguntas no Parlamento reclamando que se paralice este proxecto que non conta coa obrigatoria avaliación ambiental nin con informe ningún pese a tratarse dunha actuación en Plena Reserva da Biosfera As Mariñas- Terras do Mandeo.